Luis Lamas: «Se me deixan en calquera camiño de Carballo pola noite eu sei onde estou»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

ENTREVISTA | Foi elixido no 79, pero ata o 83 non foi concelleiro, aínda que en Xermade. Lamas é edil de Obras e Servizos en Carballo 

01 feb 2022 . Actualizado a las 00:15 h.

«Nacín o segundo día da festa de Sofán. A casa chea de festeiros e miña nai dando a luz». Foi en 1956. No Tarambollo había de nacer o primeiro concelleiro nacionalista de toda a Terra Chá. Luis Lamas Álvarez leva corenta anos na política e desde o 2003 vén sendo o responsable de Obras do Concello de Carballo.

—Polo servizo público deixou o seu traballo e por ese traballo retrasou a súa entrada na política activa. É así?

—Eu son desde 1979 encargado agrario da finca de Marco da Curra do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en Monfero. Traballei alí ata o 2003 que deixei de cobrar de aí para facelo do Concello de Carballo. Nas primeiras eleccións democráticas fun de número dous, con Evencio Ferrero, que daquela se recuperaba no hospital polo seu accidente. Entre o día dos comicios e a toma de posesión foi cando me ofreceron o traballo en Monfero, polo que tomamos a decisión de que xa non acudirá ao pleno porque ía vivir en Lugo, pero saír, saín electo.

—Seguiu coa súa idea de ser concelleiro?

—En 1983 presenteime en Xermade, en Lugo, que era onde vivía, e saín electo polo BNG. O primeiro concelleiro nacionalista en toda a Terra Cha fun eu. En 1995, Lucía, a miña muller, desprazouse a Sofán para coidar de meus pais. Decidimos iso. Así eu estaba de luns a venres en Xermade e as fins de semana, alí. Rifáronme os de Carballo para aquí. Decidiron os consellos comarcais, non eu, e gañaron os de Bergantiños, polo que fun candidato nas eleccións. Ata o 2003 estiven na oposición co meu grupo. Foron doce anos e máis os que arrastraba de Xermade.

—Parece satisfeito.

—Por distintos motivos e cos acertos e os seus erros, que todo o mundo ten, estou satisfeito. Isto é unha vocación, o único problema é que a que sempre leva as de perder é a familia. Son corenta anos de dedicación, metido en todo, cos da casa aceptando participando e aceptando, aínda que se fai a vida igual. Gústame mirar cara atrás e dicirme que algo se fixo, mesmo no laboral. Nos anos 81 e 82, eu xa traballaba para a Administración e tiña o papel de sindicalista. Ata o 2003 fun representante pola CIG. Neses dous primeiros anos estiven negociando o convenio colectivo cando estaba sen transferir. Aínda era do ministerio, do Instituto de Investigaciones Agrarias. Foi unha das miñas grandes satisfaccións. Se conseguín que foran evolucionando as relacións laborais, e iso é o que din os traballadores cando coincido con eles, xa paga a pena. Pelexar paga a pena, trátase de facer evolucionar a sociedade na que vives. É o que te move. Outros teñen outras inquedanzas.

—Ser concelleiro de Obras foi unha elección propia?

—Foi unha elección. Sempre me gustaron as cousas prácticas. De feito, o meu traballo tamén consistía neso. Prefiro este tipo de cousas antes ca outras, con todo o respecto, como Educación ou Servizos Sociais, Deportes ou Cultura. Con cousas prácticas, como a execución de obras, estou máis a gusto.

—Tradicionalmente o departamento de Obras é o que máis cartos move, máis influencias, é o que máis valora moita xente.

—Non é a obra o que ten o valor, senón para que serve, porque moitas veces non ves que custan moitísimo. Moitas delas quedan debaixo da terra e non se ven, están tapadas por unha arqueta. Pero sabes que facéndoa, que ten o seu proceso de execución, despois vanse cubrir necesidades. Cando consegues facela moi extensiva e poder darlle servizo a todo o mundo é cando é mellor. Eu presumo moitas veces de que de 100 carballeses hai 91 que teñen o saneamento diante da porta, co que iso significa de servizo, que non é só de recollida, senón que leva o seu tratamento para devolver de novo ao río a auga nas mellores condicións posibles.

—Pero as obras, tradicionalmente, foron as preferidas do caciquismo. Con iso comprábanse votos porque todo o mundo quere as cousas diante da súa casa. Nota vostede esa presión ou é algo que xa non pasa?

—O ego de cada un é de cada un e as miñas necesidades son as miñas e non as de meu veciño, pero eu creo que conseguimos neste tempo que a xente vexa que tamén lle chegan a eles os servizos, se cadra, non coa premura que lle gustaría. Pero, se ves que están a traballar no lugar do lado, xa sabes que che vai tocar. Creo que se conseguiu sacar iso da educación ou da idiosincrasia que temos. No labor de goberno, pensando moitas veces como lle chega á xente, porque é o seu problema, se lle razoas chega a aceptalo. Cada un ten o seu xeito, pero non o ven como que teñen que vir convencer ao concelleiro ou ao alcalde. Trátase de levar as cousas a todas partes, pero non ao mesmo tempo.

Ana Garcia

—Pero nos últimos años, o transvase de poboación entre a zona rural e a urbana foi enorme. É pola falta de servizos?

—Non o achaco a iso. As condicións para poder vivir téñenas case todos as mesmas. Hai accesibilidade, infraestrutura eléctrica teñen todos, hai lugares sen auga pública, pero hai moitísimas traídas, transporte escolar onde hai nenos... Había un coche, dous ou tres en cada lugar e agora hainos en cada casa, estea onde estea, e desde San Sadurniño a Carballo tardas 10 minutos, case menos tempo do que precisas se vives no Chorís e tes que ir á Milagrosa. E hai parroquias que aumentan de poboación, como Berdillo, Bértoa, a zona sur de Ardaña ou Sísamo. Os servizos básicos hainos en todas partes.

—Din que coñece tódolos lugares de Carballo. É certo?

—Paréceme que si. Se me deixan de noite en calquera camiño de Carballo eu sei onde estou. Tamén é normal, con tanto como levo pateado que teña esa identificación do territorio.

—Que proxectos diría que son máis necesarios agora?

—Continuando esa visión dun espazo onde queremos vivir, eu creo que temos que seguir coas liñas que están marcadas. No rural, rematar esa porcentaxe de poboación que non ten ese servizo básico, acabar de expandilo. Temos uns 20.000 habitantes do casco urbano e uns 7.000 no rural con auga pública a domicilio. Temos que continuar coa dotación de espazos de encontro nas parroquias. Queda, e está en proxecto o de Goiáns, e seguir coas actividades neles. Manter as vías de comunicación para que todos teñamos por onde nos desprazar. Non fai falta ter unha autovía a Vilela, a Calvelo ou a Cornaces. Pero sobre todo o necesario é poñer os medios para que haxa actividade económica.