O Curruncho Pop encherá de cultura a primavera carballesa

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Haberá presentacións literarias e actuacións musicais
Haberá presentacións literarias e actuacións musicais BASILIO BELLO

Comezará este mesmo sábado e incluirá presentacións literarias e actuacións musicais

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primavera do 2020, o estalido da pandemia sorprendeu ao Concello de Carballo en plena celebración do Curruncho Pop, un programa cultural que ten lugar na biblioteca Rego da Balsa. Entón só puido levarse a cabo un dos catro concertos previstos, o de Huguette Periscal, Maraya Zydeco e Blues Chico. Foi intenso, mais soubo a pouco. Neste 2022 recuperarase o festival e o público poderá sacar esa espiña cravada hai xa preto de dous anos coas actuacións, nesta ocasión por separado, de Huguette e Maraya. Magín Blanco e Diego Vasallo, compañeiros de cartel naquel 2020, tamén recalarán en Carballo nos vindeiros meses. Non será posible a presenza de Little Niño, non obstante, pero o Concello mantén o convite para vindeiras oportunidades.

Seis concertos e tres presentacións literarias encherán de cultura a primavera carballesa, comezando por este mesmo sábado. O aforo da biblioteca é limitado, así que para participar nas diferentes propostas será requisito indispensable a reserva de praza. Poderá facerse no teléfono 981 758 580 e, coma sempre, o acceso será completamente gratuíto.

Ademais, os horarios foron axustados para que as citas poidan ser gozadas en familia. Deste xeito, ás 19.30 horas celebraranse as presentacións literarias e ás 20.30 terán lugar ás musicais.

Jamie Perrett será o primeiro artista que recalará na capital de Bergantiños, aproveitando a súa xira en solitario por España. O británico comezou a súa traxectoria formando parte do grupo Babyshambles e as súas cancións están moi influenciadas pola música do seu pai, Peter Perrett.

A programación, ao completo

29 de xaneiro | Concerto de Jamie Perrett, ás 20.30.

5 de marzo | Presentación literaria de Álvaro Alonso, ás 19.30, e concerto de Hendrik Roever e Óscar Avendaño, ás 20.30.

26 de marzo | Presentación dun monográfico sobre o soul, con Luis Lapuente e David Moreu, ás 19.30, e concerto de Huguette Periscal (20.30) e de Madame Bird (21.00 horas)

7 de maio | «Desnortadas», presentación e concerto poético-musical con Rosalía Fernández Rial e María Álvarez Santiago, ás 20.30.

21 de maio | Presentación de Carlos Rego (19.30) e concerto de Magín Blanco (20.30).

4 de xuño | Concerto de Diego Vasallo (20.30).