Antonio de Xornes: «Para isto da regueifa hai que ter un pouco xa de nacemento»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Da vella garda, será un dos RegueiAstros nos Premios Galegos da Regueifa que La Voz celebra mañá en Carballo 

08 ene 2022 . Actualizado a las 00:30 h.

De par de Suso de Xornes, Antonio Rodríguez Carabel, coñecido en batalla como Antonio de Xornes (1961), é deses regueifeiros da vella garda en Bergantiños. Tamén el estará no apartado RegueiAstros dos Premios Galegos da Regueifa promovidos para mañá, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. «Paréceme moi ben, non só para nós, que xa somos digamos que vellos, senón para a xente nova, que comeza, para motivala, para seguir dándolle a coñecer a regueifa», valora sobre este proxecto que cualifica de «moi bo» e que impulsa La Voz de Galicia, co apoio da Xunta e do Grupo Calvo. «Para isto da regueifa eu sempre digo que hai que ter un pouquiño xa de nacemento. Facer dun rapaz un bo regueifeiro é difícil se non ten esa espontaneidade, se non lle leva de base unha idea», reflexiona Antonio, que dende logo concorda na importancia dos obradoiros, por ese achegamento a esta arte de improvisación oral.

Dende rapaz

Albanel de profesión, este regueifeiro veciño de Carballo di que, por ter traballado bastante por fóra, botou un tempo máis distanciado da afección, pero dende que volveu atende os compromisos sempre que pode. Non hai moito que interveu con Suso e, de toda a súa experiencia, que xa é duns cantos anos, dende que era mozo, percibe que o que require esta manifestación cultural non é outra cuestión que «ter esa espontaneidade de sacar as cousas ao momento». Lía e escribía poesías de rapaz, anotaba aquilo que a el lle saía «de golpe», pero admite que inventar algo que rime e cople, e que teña sorna, non é de todo doado. Hai que facer traballar o maxín. A diferenza de Suso de Xornes, que tiña como tío a Mandián, Antonio non sabe de ninguén da súa familia que regueifase. Sáelle. De aí que fale de «algo de nacemento», que dende logo nada ten que ver coa xenética, polo que se ve. «Poida que a sangue tire algo, pero eu dende logo coñecín regueifeiros que non tiñan ninguén preto que fixese iso e saíron igual. Nunca Calviño de Tallo me dixo que tivese algún regueifeiro na familia, nin Celestrino, nin tampouco Costa... e aínda así eles facíano». Se estes dous improvisadores de Xornes son hoxe a referencia máis veterana de Bergantiños, eles nomean estes outros vellos mestres dos que tanto aprenderon.

Ten habido un tempo de pesimismo, un discurso case de extinción, pero Antonio aprecia que a regueifa, en realidade, «nunca estivo morta». Vai por épocas, hainas de apoxeo e hainas de menos interese por esta práctica. Coma case todo, algo que tamén se move por «modas».

Antonio de Xornes, Guillermo da Rabadeira, Suso de Xornes e Fermín da Feiranova (Guillermo e Fermín xa faleceron)
Antonio de Xornes, Guillermo da Rabadeira, Suso de Xornes e Fermín da Feiranova (Guillermo e Fermín xa faleceron) J. M. CASAL

«Dende Leonarda de Tallo, ata hoxe, nunca máis se soubo de mulleres regueifeiras»

Suso e Antonio de Xornes, xunto con Fermín da Feira Nova e Guillermo da Rabadeira, estes dous últimos xa falecidos, exerceron dalgún xeito de ponte entre os regueifeiros dos seus comezos e os versificadores actuais, entre os que hai mulleres. É o caso da coristanquesa Lupe Blanco, que Antonio celebra: ««Aquí, antigamente, só se coñeceu unha muller regueifeira, Leonarda de Tallo, e dende iso, ata hoxe que as hai, non se soubo de mulleres que cantasen regueifa»». Estas novas incorporacións falan para el de viveza.

Xa non queda moito para mañá, para eses Premios Galegos da Regueifa nos que tocará improvisar: «Nunca se sabe como che vai ir o día, pero nunca tivemos tampouco problema. Hai días mellores e peores, pero sempre saímos adiante». Como lembraba Suso uns días atrás, as vodas, que en certo foron orixe, tamén teñen sido non hai moito espazos onde se agasallaba regueifa aos noivos. Mais non é «o forte»: téñeno sido festas de pobo, foliadas, descansos de orquestras no verán ou como arranque cando só tocaba un grupo.