«A regueifa é unha arma de construción masiva, temos que aproveitala»

melissa r. s. / p. b. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

.

Kike Estévez e Rabelo estarán nos primeiros Premios Galegos da Regueifa, este sábado en Carballo

06 ene 2022 . Actualizado a las 18:11 h.

Dous regueifeiros con abonda traxectoria como son Kike Estévez, de Vigo, e Rabelo, de Pontevedra, animaron onte os micrófonos de Radio Voz Bergantiños coa súa improvisación. Achéganse os primeiros Premios Galegos da Regueifa (este sábado, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo), e estes dous pontevedreses abordaron o pasado e presente desta tradición centenaria na Comunidade. Kike é filólogo e profesor de educación secundaria, en tanto que Rabelo escribe poesía e contos, á vez que rapea e se desenvolve nas batallas de galos de hip hop. Participarán na sección de RegueiAstros, para artistas consagrados. Promove a iniciativa La Voz de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia e do Grupo Calvo e a colaboración do Concello de Carballo.

O galego

«A regueifa é unha arma de construción masiva, temos que aproveitala». Esta frase de Estévez resume moi ben a conversa que mantiveron el e Rabelo no programa presentado por Fran Rodríguez. Segundo os seus pareceres, esta manifestación cultural galega abrangue, á súa vez, outras moitas a ter en conta e potenciar a través dela. «Fomenta a lingua e a retranca galegas e a transmisión cultural», dixo Kike. «Potencia a identidade», apuntou Rabelo. E aínda son moitos máis os valores que aporta, segundo estes regueifeiros: «Anima o espírito crítico e a diversión, axuda a perder o medo...». Dúas anécdotas comentaron neste sentido. «En Vigo os rapaces non saben o que é a retranca». «Un día un neno, tras un obradoiro de regueifa, dixo: ‘que chulo facer algo divertido en galego!'». «Todo iso estase perdendo e haino que seguir fomentando. Cantar melodías en galego é unha marabilla», concluíron.

A canteira

Neste sentido, a rapazada é clave. Sobre a canteira que vén, tamén versaron. Neste sentido, destacaron o importante labor que se realiza nas escolas «do sur» dende hai uns anos. Baixo o seu parecer, a comarca de Bergantiños, capital da regueifa, e outras moitas zonas de Galicia deberían de «tomar a testemuña» neste senso. En todo caso, e botando unha ollada ao panorama nacional con Rosalía e C.Tangana, incluso co exemplo de Tanxugueiras en Galicia, xa avanzan que «está empezando a haber outro forma de mirar a música tradicional, o cal é un motivo de celebración incrible. Cóllese de raíz para mesturar tendencias», sinalou Rabelo.

As mulleres e o discurso

Entre os regueifeiros que emerxen, destacan as mulleres, aínda que cun inciso importante: «Sempre as houbo, pero nunca subiron aos palcos porque non estaba ben visto», explica Kike. Aínda que sempre hai excepcións. Para exemplo, Leonarda de Tallo, persoeiro que lembrarán os máis veteranos. «Unha das que se enfrontaba aos homes en calquera momento e lugar», recordou o vigués. No machismo que «sempre caracterizou á regueifa» profundou Rabelo, na importancia dunha «urxente revisión» neste sentido, en «avanzar a nivel de enfrontar as desigualdades, sobre todo por parte das persoas que máis privilexios teñen, das adultas, fronte as máis novas, para facilitar que sexa máis amable». En todo caso, xa se deron pasos, aseguran. Sobre iso afondou Estévez. «A rapazada e as mulleres veñen pisando forte con outro discurso. Foméntase o dobre sentido das palabras, non fai falta insultar á xente cun vocabulario máis sensible. Eles son os que levan a bandeira hoxe en día. A regueifa é diversa, multicultural; que se sume xente de distinto sexo, raza e relixión», dixo.

Por todo isto, ámbolos dous se mostraron «emocionados», apuntou Rabelo, pola convocatoria que está a piques de celebrarse na Costa da Morte. «Que non haxa uns Premios, senón mil!», expresou Estévez, que engadiu: «Queremos unha regueifa nova, moderna, sen censura. A liberdade de expresión é o máis importante nesta manifestación. Hai que aceptar a crítica, a retranca. En moitos lugares non saben. É clave humorística. Se lle sacas iso que queda? Nada. Hai que asumir que a regueifa flúa e viva. É moi importante que se traballe dende o norte ben». «Hai moitas cousas pendentes, pero a xente que ten interese debe xuntarse con outras para atopar respostas», finalizou Rabelo.

Unha mirada atrás

A regueifa é presente, pero tamén pasado. Como non podía ser de outro xeito, estes dous pontevedreses recordaron as orixes destas disputas dialécticas e como foron evolucionando. Trouxeron á actualidade o porqué da regueifa anos atrás: «Era unha arma de reducir a violencia, de quitar a tensión entre as xentes do pobo; dicir nas vodas o que non se comentaba no día a día», apuntou Redondo. «A regueifa propia é a capela. Non necesitaban apoio instrumental e cada un tiña a súa melodía. Cando cantaban xuntos, contaminábanse. Logo introducíronse as pandeiretas, o pandeiro, a lata e, hoxe en día, a guitarra, a zanfona... Tamén na actualidade non só se usa a tonada bergantiñana, senón de calquera melodía tradicional galega que teña os catro versos octosílabos e con rima nos pares», fixo fincapé Kike.

Expresións

Para colofón, un dato persoal que puxo Rabelo sobre a mesa: «Empecei rapeando, facendo poesía, despois as batallas... As regueifas son un contexto complicado para comezar porque non hai tantos espazos para aprender, pero foi grazas a ela como aprendín a improvisar. Foi a que me animou e a que me ensinou». Moi pronto sacará un disco mixto con moitas sorpresas. Sobre que hai de música na regueifa e viceversa, comentou: «Son a canle, a forma de sacar a mensaxe. As dúas non son algo externo que alguén fai para entreter a outros, se non algo colectivo e de forma improvisada».