Bacharelato, COU, PREU
A lei de educación de 1938, do ministro Pedro Sáinz Rodríguez, liquidaba toda a lexislación progresista republicana. Establecía un bacharelato de sete anos, cun exame final de Estado. Isto foi así até a reforma do ministro Ruíz Giménez (1951-1956), quen en 1953 aproba unha nova lei de educación que para a secundaria implanta un bacharelato dividido en dous. Un bacharelato elemental con catro cursos e unha reválida e un bacharelato superior de dous cursos (5º e 6º) e reválida e, finalmente, un Curso Preuniversitario (PREU). Este Plan estivo en vigor até a nova Lei de Educación xa citada de Villar Palasí de 1970. Ano no que o ministro de Educación inaugura en Carballo todo o complexo escolar: Colexio Fogar e instituto. A nova lei implanta os oito cursos de Educación Xeral Básica (EXB) dos 6 até os 14 anos; tres cursos de Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) e, por último, un Curso de Orientación Universitaria (COU). O curso 1970-71 será o último con PREU, que algúns alumnos fixeron no Colexio Leus de Carballo e no 1971-72 o primeiro con COU que se podía facer tanto na Leus como no instituto. O último COU, con motivo das novas lexislacións educativas, tivo lugar no 2000-2001. Equivale na actualidade a segundo de bacharelato.
Un fito fundamental
O Colexio Fogar, EXB, que tivo como primeiro director ao profesor Manuel Varela Siaba e scomo ecretario a Jesús Gil Nécega, constaba de 32 seccións ou graos, que logo se ampliou a 36, tiña servizo de comedor, internado con 300 prazas, dirixido por Santiago Loureiro, e transporte. Comezaron sobre 50 mestres e preto de 1500 alumnos. A antiga Agrupación Escolar de Carballo, con catro unidades, integrase no Colexio Fogar e tamén algunhas escolas das parroquias.