O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o día 8 os Premios Galegos da Regueifa

M. L. P. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

La Voz promove esta iniciativa, que xuntará a copleiros emerxentes e consagrados

30 dic 2021 . Actualizado a las 15:18 h.

Xa o dixo o arqueólogo, museólogo e escritor ourensán Felipe-Senén López hai só uns días, cando inaugurou cunha conferencia unha exposición sobre a arte no Camiño: a regueifa, xunto con diferentes manifestacións da artesanía, cos oficios ou co patrimonio natural e megalítico, son tesouros que constitúen a tradición dun pobo e que necesariamente hai que preservar. Destacou especialmente a pericia que tivo Bergantiños ao longo da historia para conservar as súas tradicións, e é precisamente o corazón desta comarca, Carballo, o lugar elixido por La Voz de Galicia para celebrar proximamente os Premios Galegos da Regueifa, unha nova iniciativa que pretende poñer en valor esta centenaria tradición oratoria. Será no Pazo da Cultura e levarase a cabo co patrocinio da Xunta de Galicia e do Grupo Calvo, así como coa colaboración do Concello de Carballo.

Estes premios terán forma de festival e constarán de diversos apartados, como unha competición entre novos regueifeiros e outra na que se enfrontarán entre si versificadores xa consagrados. A iniciativa pretende ser unha demostración da vida da que goza unha das tradicións máis propias de Bergantiños: a arte de compoñer coplas improvisadas e as disputas dialécticas que tanto vigor tiveron nesta bisbarra durante séculos e que entreteñen aos oíntes de Radio Voz Bergantiños cada semana da man —ou, máis ben, coa voz— da incombustible Lupe Blanco, un dos principais expoñentes desta disciplina nestes tempos xa non só na Costa da Morte, senón en toda Galicia.

Neste festival, que terá lugar o día 8 de xaneiro no Pazo da Cultura de Carballo, está previsto que participen dende escolares ata aquelas persoas que levan xa un tempo aprendendo a regueifar. Tamén haberá oco, como xa se dixo, para os que levan toda unha vida dedicada a estas disputas dialécticas e contribuíron decisivamente a mantelas ao longo do tempo.

Os aspirantes a regueifeiros ou que practiquen esta modalidade de versificación popular a nivel afeccionado tamén teñen a oportunidade de participar nestes Premios Galegos da Regueifa. De entre tódalas solicitudes formuladas de acordo cunha convocatoria recente conformaranse as parellas, que competirán entre si durante o festival e que serán valoradas por un xurado.

A melodía, a posta en escena, a calidade das coplas ou a rima das composicións serán algúns dos aspectos que se valorarán nestes regueifeiros en potencia, se ben os xa consagrados pasarán tamén por un tribunal de valoración na súa correspondente categoría, que seguirá un esquema semellante e que leva por nome Regueiastros.

Pero antes, ao inicio da velada, escolares que xa teñen participado en iniciativas semellantes ofrecerán unha exhibición que servirá para abrir boca de cara a tarde de dialéctica que os asistentes terán por diante no Pazo carballés. Ao concluír, darase a coñecer un distintivo moi especial, o Valedor da Regueifa, que lle será concedido a persoa ou entidade que durante moito tempo traballase por esta manifestación cultural de enorme valor.