Que agasallaría se fose todopoderoso? Bo tempo en xullo e agosto. Si, bo tempo, despois da paz mundial e a saúde universal... É cando máis vou a Galicia e sempre andamos xogando á lotaría do tempo. A ver se para xullo xa pasou a sexta onda, ou a sétima se ten que vir, e podemos ter un verán normal, dos de antes.
A quen lle deixaría carbón? Diría que a ninguén, pero tamén digo que, respectando todas as ideoloxías que sexan tolerantes coa poboación, creo que o discurso político actual está moi empobrecido, é tremendamente infantil. Vexo aos representantes máis pendentes de ser guais que de ser eficaces. Hai un tipo de comedia que lle chaman roast, insultarse pero de forma aguda, sen facer o imbécil, algo parecido á regueifa. Ben, eu teño a sensación de que hoxe só se procura dar o zasca máis ocorrente, e máis agora que se consume todo moi rápido. Parece que se valora máis dar unha resposta enxeñosa en vinte segundos ca facer un discurso ben construído. E xa con cor política, falando do apoio á atención sanitaria nestes momentos... Un descontrol. Non hai vontade de acordo, de convivir, é desolador, fomos votar tres veces nas últimas eleccións... Ao final esa crispación entre os que nos representan transmítese á sociedade.