A Paco non se lle apareceu a Virxe

José Antonio Rodríguez DIRECTIVO DEL BM XIRIA

CARBALLO MUNICIPIO

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixera o adestrador do Raio, despois do partido da ida da cuarta eliminatoria da Copa do Rei no ano 1987, que ao porteiro do Bergantiños se lle aparecera a Virxe. O encontro do espigado pontevedrés, en Vallecas, fora espectacular.

Carballo é prolífero en actividade deportiva, posiblemente o Concello con máis disciplinas ao dispor das súas xentes, sexa en feminino ou masculino. Non é casualidade, pois, que permanentemente estea nas portadas da maioría dos medios de comunicación.

O titular vén a conto porque, detrás da historia deportiva de Carballo, hai unha inxente cantidade de persoas dedicando algo máis ca tempo en cada entidade e na organización de longas tempadas e continuos eventos.

Empresas sempre receptivas aos necesarios patrocinios, hostalería e negocios participativos para coas múltiples iniciativas, e institucións sensibles á importancia deste tecido que por si mesmo xera oportunidades e retroalimenta a sociedade carballesa. O retorno é notorio e recoñecido.

Pois ben, no partido da volta, Paco recriminoulle esas declaracións ao adestrador (daquela) do Raio Vallecano, dicíndolle entre bágoas que a el non se lle aparecera ningunha Virxe, que traballaba moi duro toda a semana para estar nas mellores condicións en cada partido.

Procede, pois, aplicar o conto ao tecido deportivo carballés. Non se lle aparece a Virxe non, traballa arreo para conseguir cada quen os seus obxectivos.

Por certo, si que aplaudimos o esforzo que fan as institucións, nomeadamente o Concello de Carballo, para que o Bergantiños tivera as maiores facilidades e condicións posibles para este evento. Saír vitorioso, sería mellor ca mellor, pero é o de menos.

E agora que o penso, e voltando ao titular, a Virxe non, pero Don Luciano Calvo Pumpido, si que sempre apareceu. Grazas Chano.