Maica Ures: «Tódalas mulleres, en maior ou menor medida, somos vítimas de violencia simbólica»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

25N Día contra a violencia de xénero na Costa da Morte | Carballo centra a súa campaña  deste ano nos homes e na visibilización dos diferentes tipos de violencias. Así o conta a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade de Carballo

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun gran vinilo ubicado na rúa Valle Inclán, o Concello de Carballo quere transmitir á cidadanía que hai moitos máis tipos de violencia que a física. Psicolóxica, económica, simbólica, laboral, vicaria, sexual, obstétrica e un longo etcétera, que dende hai uns días poden lerse nun lateral da libraría Clarión. Actividades para os máis pequenos, para familias e para profesionais; unha campaña comercial con máis de 80 adheridos; proxectos nos centros educativos e iniciativas de visibilización completan o programa que este ano deseñou o departamento dirixido por Maica Ures, concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade de Carballo.

—Quen son os principais destinatarios da campaña carballesa do 25N deste ano?

—Está dirixida basicamente aos homes, aínda que tamén busca facer reflexionar ao público xeral para detectar se estamos tendo condutas machistas, que son a antesala das violencias. Levamos moito tempo formando mulleres, empoderándonos, pero hai que incidir tamén na outra parte. Non tódolos homes son agresores, pero tódolos agresores son homes.

—Volven apostar polo mobiliario urbano para sementar esas mensaxes, para que vaian calando. Queren levar o discurso á escena cotiá?

—Si, de velo e repetilo tantas veces algo ten que sedimentar no ideario da xente, aínda que non aflore agora. Xa o ano pasado apostamos por esta modalidade por mor da covid, porque se fas moitas actividades pero non perduran no tempo, non cumpren o seu efecto. Con estas iniciativas búscase que xeren debate, que se fale delas: sexa para ben ou para mal [como sucedeu cos pasos de peatón LGTBI]. Con que unha soa persoa reflexione e se deconstrúa para volver construírse, xa terá valido a pena.

—Hai algún sector social ou de idade que lles preocupe especialmente?

—Vendo a macroenquisa que saíu en setembro deste ano é canto menos preocupante o número de mozos que negan a existencia da violencia de xénero e a ven como un concepto ideolóxico. Con tódolos esforzos que se teñen dedicado para educar en igualdade dende a infancia, estes resultados son moi preocupantes. Como sociedade, algo estamos facendo mal.

—A que pode deberse? Os adolescentes actuais levan dende pícaros recibindo programas de concienciación.

—Creo que é un cúmulo de cousas, pero xogan un papel importante as redes sociais e ese novo tipo de violencia 2.0. Hai certas mensaxes que branquean e negan as violencias, e que calan moito entre os rapaces. Os anuncios, a segregación por sexos nos xoguetes... Por non falar da influencia dos iguais: con que un neno lle diga a outro [que a violencia de xénero non é unha realidade] pode botar por terra anos de traballo.

—Os pequenos son un libro en branco, de algún lugar teñen que sacar esas ideas...

—Hai un estudo moi interesante da revista Science que di que os nenos comezan a ter conciencia de xénero a partir dos 6 anos. Ata esa idade, cando se lles pide que describan a unha persoa intelixente identifícanse indistintamente; pero a partir dos 6 anos xa identifican aos nenos como brillantes e ás nenas, como traballadoras. Co cal, todo isto vén dende moi abaixo e é certamente preocupante.

—Haberá xente que lea ese estudo á que non lle pareza un problema.

—E aí, precisamente, é onde está o principal problema. Esa é a violencia simbólica, como cando se di que un home conduce mellor que unha muller. É un tipo de violencia invisible da que tódalas mulleres, en menor ou maior medida, somos vítimas. De aí que decidísemos colocar ese gran vinilo na rúa Valle Inclán no que enumeramos os distintos tipos de violencias. Quen o lea e teña curiosidade, pode buscalo e, ademais dunha definición, atopará indicadores para detectar se nalgún momento foi vítima dalgún deses tipos de violencia. Porque a agresión física, a última, é moi fácil de distinguir, pero podemos non ser conscientes de que estamos sendo vítimas tamén de moitos outros tipos.

—Tamén hai que falar da discriminación e da carga mental.

—Sen dúbida, somos nós as que asumimos as responsabilidades da conciliación, do coidado de ascendentes e descendentes e da carga mental. Porque por moito que sexa o pai o que leve ao cativo ao pediatra, a planificación, a dedicación dese tempo corre a cargo da nai. Por non falar dos permisos de paternidade e maternidade. Menos mal que agora están igualados, e polo menos non poden servir como escusa nun proceso de contratación. A un home preguntaríanlle nunha entrevista de traballo se ten pensado ter familia? Porque a nós si nolo teñen preguntado.

—As novas correntes políticas teñen, tamén, a súa parte de culpa.

—Si, como cando din que o novo tipo de familia vai acabar coa familia tradicional. Que así sexa! Que se acabe con esa familia tradicional entendida polo home provedor económico e a muller provedora de coidados.