
A presentación do poemario «Desnortada», de Rosalía Fernández Rial, inaugurará esta tarde a nova sede da editorial, que se asenta definitivamente na capital de Bergantiños
24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Pandemia, problemas de subministro e reforma de local de por medio. Nada evitou ou todo facilitou que tamén «todo case», nunha especie de sicixia, para poder presenciar este tarde o nacemento dun novo espazo cultural en Carballo. Ás 19.30 horas, no número 34 da rúa Sol, abrirá as súas portas Espiral Maior Foro, un punto de encontro aberto ao público que incluirá libraría especializada, galería de arte, club de lectura en breve, tertulias, talleres de creación poética e artística... Será tamén sede de presentacións literarias, de conferencias, de mesas redondas... de intervencións culturais, en definitiva. «Sinto unha profunda ledicia por esta aventura que comeza en Carballo», confesaba onte Miguel Anxo Fernán-Vello. El é o responsable deste proxecto cuxa inauguración vén coincidir «felizmente» co 30.º aniversario de Edicións Espiral Maior, empresa que fundou no 1991 na Coruña, mais que agora quedará asentada definitivamente en Carballo.
«Non é algo que estivese deseñado, planificado, por iso digo que todo cadra», sopesa cando dá conta do acto co que se abrirá Espiral Maior Foro esta tarde, a presentación do último poemario da carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial: Desnortada. «É un comezo extraordinario para Espiral Maior e para Carballo», reflexiona o editor. Tanto nesta súa faceta como na de lector, está convencido de que este libro supón a «consolidación definitiva da voz de Rosalía como poeta». Por madurez, por estrutura. Fernán asegura que a dela é «unha das voces crecentes máis importantes» da literatura galega contemporánea, unha das máis consolidadas pese á súa xuventude. Fernández Rial foi recentemente galardoada como autora do Mellor Poema 2020 no festival galego-portugués aRi(t)mar.

Na poesía de Rosalía hai moito de experimental, de música, de audiovisual, de arte, o que cadra ben con este «espazo mixto, múltiple, vivo, de encontro, participación, colaboración e aprendizaxe» que abre en Carballo, un refuxio para interesados na literatura e cultura galegas, que non deixan de ser tamén as universais. A colección de poesía de Espiral Maior, que anda próxima aos 300 títulos e sempre tivo continuidade no tempo, sendo referencial na literatura galega, botou a andar cun libro de María Xosé Queizán, Metáfora da metáfora. Seguiría con outro de Xohana Torres, Tempo de ría, «e pasados tres decenios, neste trinta aniversario, temos outra voz de muller como é a de Rosalía». «Que sexa ela a que marque esta temporalidade tamén me causa unha ledicia especial, outra evidencia máis de que todo casa, é coma unha especie de púzle», abunda Miguel Anxo.
«Desnortada é un libro de mar e de vento, dividido en diferentes ventos e cunha roseta final», presentou Rosalía Fernández Rial días atrás a súa obra en Radio Voz Bergantiños. Fíxoo no seu paso polo espazo O Recuncho de Mon. Este seu traballo, que acaba de ver a luz, inclúe 54 poemas e un cedé duns 20 minutos de duración con oito deles musicados na voz da autora e con acordeón de María Álvarez Santiago, «a acordeonista que coñezo en persoa que máis admiro». Mesmo se oe un mariñeiro muxián. A súa primeira escoita pública, precisamente, foi nesta emisora. «O interesante está en saber singrar, capear o temporal», dixo a autora sobre un Desnortada que ben pode ser adxectivo para esta época contemporánea. Será especial a posta de longo desta tarde, e nun futuro chegarán en torno á obra espectáculos con selo de Rosalía, performativos. Rosalía, como dixo Mon Lendoiro, conductor da sección en Radio Voz, é a voz que nunca está queda.

No tocante á galería de arte, o propio Fernán
ç quedou «asombrado» do espazo habilitado, 14 metros de parede expositiva que, en breve, acollerá obra pictórica última de Xulio García Rivas, quen tivo sido docente no IES Alfredo Brañas carballés (outro elemento máis desa sixicia). Logo de García, será a quenda para a polaca Gosia Trebacz, asentada en Galicia hai xa ben anos.
Arte de Facal presidindo
Un gravado do carballés Manuel Facal, de 1,20x80, aquel que Fernán recibiu como detalle municipal cando foi pregoeiro do San Xoán, presidirá este novo espazo da rúa Sol. «Por suposto» que Espiral Maior Foro dará acubillo a Facal: «Andamos preparando, ademais, a reedición dun libro del, aumentado con novos capítulos e textos», avanza Miguel Anxo, que recoñece o fondo «poder de atracción» que sempre exerceron sobre el Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte en xeral.