Nace en Carballo Somos Pandeireteiras

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Etnografía e transmisión cultural dende Bergantiños | Mercedes Peón impulsa un proxecto con historia, música e patrimonio e quere medrar cara Galicia

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O andar máis alto do Pazo da Cultura de Carballo, onde nos tempos previos á pandemia había moreas de bailes e cantos de xente que ten a mocidade máis na memoria ca no futuro, foi onte o lugar de presentación de Somos Pandeireteiras, definido como «un novo proxecto social e cultural que pon o foco sobre as músicas e tocadoras como eixe da transmisión cultural», que na bisbarra de Bergantiños ten ademais unha potencia extraordinaria. De momento nace (en realidade, xa veñen traballando dende o verán) con vocación provincial, sen renunciar a expandirse ao resto de Galicia máis adiante. Haberá un día especial de traballo e de dar a coñecer, o 19 de decembro, pero esta iniciativa augura un percorrido longo.

A impulsora é Mercedes Peón, artista multidisciplinar e investigadora, boa coñecedora da música galega, que onte estaba moi emocionada. «Somos Pandeireteiras é un espazo común de pensamento, articulación cultural e social que nace para poñer en valor as nosas formas de creación colectiva, favorecer o intercambio de coñecemento e a súa difusión», dixo. Tocadoras de aquí e de aló, novas e veteranas, coma Carmen de Lema e Ermitas do Ánxelo, presentes onte, que contaron (sobre todo Carmen) contos da súa xuventude, e algo cantaron tamén para goce dos asistentes.

Tamén falou Ana Fernández, da entidade Rosalía de Castro de Estramundi, Padrón, ademais de Gisela Sanmartín, das Xirifeiras de Fene, e Mar da Bouzas, de Raigañas de Cerqueda, tres asociacións implicadas o arranque desta iniciativa, imprescindibles á hora de sacala adiante. Falou Gisela da importancia das tocadoras, esas mulleres «que levantaron o país» e ás que hai que ter moi presentes. Foi Mar a que falou de que o proxecto medre por Galicia, e tamén louvou a importancia das pandeireiteiras en Bergantiños.

ANA GARCIA

O alcalde, Evencio Ferrero, deulles a todas as benvida coa satisfacción de que Carballo sexa o lugar de encontro que servirá para a reflexión pioneira sobre esta parte da cultura e da vida nunha comarca como Bergantiños «tan fértil» neste campo, para que vaia a máis como as pólas dos carballos.

Relatorios e un encontro interxeracional

O día 19 de decembro, tamén no Pazo da Cultura, celebrarase o primeiro encontro de tocadoras e pandeireteiras, «un espazo para a conversa sobre a idea que o colectivo quere transmitir como pandeireteiras, regueifeiras, músicas, compositoras e pensadoras». Haberá relatorios, como o de Mercedes Peón. Unha entrevista da xornalista Selina Otero a Ermitas de Ánxelo, Carmen de Lema e Icía do Manso. Mesas de traballo sobre o rol da pandeireta e da voz no eido musical contemporáneo, a función sociais das tocadoras e das pandeireteiras, a representación social na transmisión da pandeireta e da voz (coa función dos grupos e das asociacións no contexto actual) e un convite, real ou retórico, a que todas toquen. E tamén conclusións, con María Reimóndez, Susana Arins, Andrea Nunes e Ana Romaní, con peche de Mercedes Peón, todo de 9.30 a 14.15. Para anotarse (72 prazas, de balde), está a web www.somospandeireteiras.com.