Milagros Lantes: «Un plan especial non cambia o uso do solo, está como se dicía no PXOM»

CARBALLO MUNICIPIO

ENTREVISTA | A edila detalla os cambios que implica o documento da Pedra do Sal
31 oct 2021 . Actualizado a las 23:16 h.Milagros Lantes Seara (Carballo, 1961) é a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación do Concello de Carballo. Unha área moi dinámica sobre a que pivota, por exemplo, o desenvolvemento integral do municipio en múltiples frontes. Unha delas, os plans especiais, como os que están en marcha na Pedra do Sal (algo máis avanzado, agora en información pública) e Arnados-Razo.
-O plans especiais son necesarios en ambos lugares?
-No documento do PXOM do 2016 xa ía así. Era un condicionante de ver que se facía nos dous sitios. Por iso se deixou nun plan especial, era un compromiso. E agora está claro que a tendencia xeral é esa, unha preocupación maior polo entorno natural e paisaxístico. E aí nos temos un privilexiado. Quen lle dera a moitos telo!
-Pero hai veciños que amosan rexeitamento. Estaba previsto, pódese amañar, ou é inevitable?
-O documento está a información pública. Non difire moito do que se ensinou no seu inicio. Hai xente que di que non era iso, pero non, non difire moito. Coma sempre, cando se fai algo así, e máis na beira do mar, pois hai xente que tiña unhas perspectivas ao mellor que non se cumpren. Pero no plan especial exprópiase unha vivenda. Unha. E está nun terreo no que non pode haber uso residencial, está prohibido. Poderíase facer, por exemplo, un museo dos baños da Pedra do Sal, coa historia, etcétera. Algo relacionado co mar. Quen di un museo di outras cuestións. E hai zonas verdes con terreos propostos para expropiación para zonas recreativas. Terreos nos que non se pode construír, porque o plan especial non cambia o uso do solo. No 2016 xa dicía o PXOM que son terreos nos que non se pode construír. Non é algo novo, onde non se podía facer unha vivenda, xa se sabía.
-Un plan especial custa anos e cartos. Igual en oito anos non se pode facer o que se prevé. ¿Como xestionan iso?
-Si, un plan especial está condicionado por moitos temas, non só polo PXOM. Está polo POL, Rede Natura, Costas... Moito máis. E iso ten un custe, que tal e como se explicou anda polos 6,2 millóns de euros, e dividido por prioridades en catro cuadrienios, en 16 anos por tanto. Nos primeiros catro, o investimento sería de 2,4; no segundo, 1,6, e nos outros, máis de dous millóns. Algo progresivo. Hai que partir do principal, e ir por aí. A glorieta, a parcela de servizos, o transformador... E logo priorizar.
-Urbanizacións como alguén plantexaba, sobre todo hai anos, queda descartado, non?
-É que, como dixen antes, non se cambia o uso do terreo. Onde era núcleo rural segue sendo rural, e onde era rústico segue sendo rústico. E aí non se pode facer uso turístico nin non turístico. E aí hai moito rústico. No rural si e pode edificar, pero coas condicións que marca o PXOM. Ir cara outra liña, non se pode. Ou Europa cambia totalmente os criterios, cambiando a lexislación, e os demais tamén: o Estado, Galicia... con respecto a todo o litoral, ou se non, como estamos, a idea europea, estatal, autonómica e municipal non é ir a masificar a costa.
-Chama a atención a retirada dos coches da beira do mar, neste e noutros plans. Non é ese o maior cambio?
-Si, é transformador. Pero é que agora mesmo na Pedra do Sal apárcase nas dunas. Acabamos con elas. Costas do Estado acaba de poñer pedras para que non se pase. Hai quen non mete o coche na area e na beira do mar porque non lle cabe. Pero na recta do Pinar están calculados máis de 200 aparcamentos. Un permanente de 50, os que viven alí teñen os mesmos de agora. Haberá un de tempada con máis ou menos 400. E en Razo, tamén. Non na beira, un pouco máis atrás, haberá que andar un pouco, como en moitas praias. Iremos aprendendo e educándonos. Faise en moitos lugares, de Francia a Mallorca. Debemos mirar por preservar e coidar o que temos, que non hai noutros lugares. Mudar os hábitos pouco a pouco? Si.
-Deixando o mar, pero falando dos baños, doutros: os Baños Vellos, no casco urbano do entorno, cunha reforma que acaba de empezar. Non chega tarde?
-E outro se cadra di o mesmo doutra zona. Foi unha zona na que se pensou durante moito tempo. O plan director abriunos a perspectiva, e foi mellor esperar. Hai espazos que precisan verse na totalidade e logo ir rúa a rúa ou por fases. Que se puido ir antes? Pois dille a un da rúa do Sol, por poñer un exemplo, que era mellor antes a Estrela ca esa. Todas son importantes. É imposible abordar todo a un tempo. Tamén os entornos escolares eran prioritarios, pola seguridade sobre todo. E se estás nun sitio, non no outro. Ir sen présa, pero sen pausa. É unha zona que efectivamente necesita un cambio, pero as súas rúas non eran das máis deterioradas, aínda que agora, candos as comparas, ves máis a diferenza.

«Non podes gastar todo nunha soa cousa, hai que mirar moito»
No Concello queren mercar algúns solares do Rego da Balsa para incorporalos ao patrimonio público.
-Esa zona non podería ser toda pública? Para zona verde, ou aparcamentos como agora...
-Pasa como tan tantas cousas, que comprar todo iso non sería algo así como así. Ás veces, a xente non quere vender, polo que sexa. Nin se pode pagar o impagable. Debe ser sempre un prezo razoable e ir pouco a pouco. Cada ano, ir tendo uns poucos terreos. Neste caso, o Concello xa ten aí unha parcela nesa mazá, e a ver se podemos colmatala e que toda sexa do Concello, para ter máis liberdade para ordenala. Si, é importante adquirir terreos, pero iso é un capital. Non podes gastar todo nunha cousa, hai que mirar moito. Non todo pode ir para facer rúas, ou todo para saneamento... Hai que ter benestar, cultura, servizos... O saneamento e o abastecemento non se ven, van por debaixo das rúas, e custan moitísimo. E todos os lugares e rúas pídeno e meréceno. Non é fácil equilibrar o orzamento.
-Está en marcha o plan contra as inundacións. Cando remate, acabaranse as cheas en Carballo un problema histórico?
-Teño esperanza de que si. Polos estudos e propostas que fan os técnicos, parece que si, que estaría bastante controlado e son axeitadas, baixaría o risco do máximo actual que temos a pouco. Xa lle dixemos a Augas que pola nosa parte faremos todo o posible que estea na nosa man. É un proxecto importante. Temos un río achicado no casco urbano e agora hai que amañalo.
-Hai un edificio de pisos en marcha, tras 14 anos. Haberá máis? Que percibe na oficina técnica?
-Eu percibo pouco. Creo que vai haber un edificio tamén na Praza de Galicia. Pero hai moita máis vivenda unifamiliar que edificacións, en principio. E aínda que a xente se estivese animando, con toda esta subida de prezos de materiais e falta de suministros, creo que tampouco axuda, e algún pode que decida esperar. Non están os tempos para meterse en fonduras. E hai que controlar, porque se cadra o orzamento que tes ao final non chega.