Coma tres nun zapato

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO MUNICIPIO

18 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Morreu Consuelo dos Queixos, de Berdillo, Carballo. A muller forte e valente que tiven o pracer de coñecer o pasado mes de xullo cando estaba con miña nai no CHUAC. De todas as casualidades fortuítas e posibles, tiven a sorte de que nos cambiaran de cuarto e así saber dela. Acórdome que tiña sempre un sorriso no rostro, unha mirada limpa, a bondade que emanaba era inmensa. Tiña conquistadas a todas as enfermeiras, médicos e residentes do hospital. Ás veces, cantábanos e retraíanos a tempos máis felices, ás historias de nosos avós de cantareas e bailes que se alongaban nos seráns. Ela era unha contadora de relatos nata, unha fabuladora. A esta muller marabillosa debémoslle o legado da transmisión oral que tan ben soubo plasmar Xabier Díaz nas súas últimas cancións. A historia da cereixeira onde agora se encontra unha escola unitaria, como metáfora da metamorfose e o cambio de tempos.

Canto me pesa o pasamento de señora Consuelo. Por ela e polos seus. Se algo me quedou claro na miña estadía con ela é o bo facer dos seus tres fillos, sempre pendentes e preocupados por ela. Acotío, coidándoa con mimo nos momentos difíciles. Auguro que marchou arroupada por todos aqueles que a amaban sinceramente.

Nembargante, isto non fai que sintamos menos a súa perda, por suposto. Acórdome que me chamaba moitas veces, collíame a man e preguntáballe eu como estaba. «Neniña, estamos coma tres nun zapato». Coido que todos nos sentimos así, co corazón nun puño ante a súa partida.

Ata sempre, dona Consuelo. Muller indómita e traballadora incansable. Se pechamos os ollos aínda podemos escoitala cantando con sorna O salón das cereixas: Miña naiciña/ meu corazón/ vente comigo/ a bailar ó salón.