Isabel Naveira e Tamara Canosa: «Vir con 'Cigarreiras' a Carballo é volver á casa, pois ensaiamos aquí»

Marta López / Fran Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Isabel Naveira
Isabel Naveira ESTEVO BARROS

Unha adaptación da obra de Emilia Pardo Bazán chegará ao FIOT da man de Contraproducións

08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Susana Dans, Merce Castro, Covadonga Berdiñas, Ana Santos, Ledicia Sola, Isabel Naveira e Tamara Canosa. Sete actrices de primeiro nivel dan vida en Cigarreiras -o novo de Contraproducións- ás mulleres da Fábrica de Tabacos da Coruña que protagonizaron unha histórica folga a mediados do século XIX. O feito foi recollido por Emilia Pardo Bazán en La Tribuna, texto que Cándido Pazó adaptou para esta dramaturxia. A peza, estreada en setembro no Teatro Rosalía da Coruña, recalará mañá en Carballo (20.30 horas, Pazo da Cultura) no marco da programación de sala do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Naveira e Canosa, con raíces na Costa da Morte, falaron onte en RadioVoz Bergantiños sobre a proposta, sobre o teatro en pandemia e sobre os seus proxectos persoais.

-Que mellor xeito de conmemorar o centenario do pasamento da autora que adaptando «La tribuna».

-Tamara: [O obxectivo] é reivindicar a Emilia Pardo Bazán e, sobre todo, esa personalidade feminista, rompedora e medio punky que tiña e que tan ben se plasmou neste texto. As mulleres das que ela escribe en La tribuna saen moito da lóxica romántica vitoriana da época, eran mulleres bravas, loitadoras, independentes... Mulleres galegas fortes que poderemos ver en Carballo.

-Traballo, muller, dereitos, loita de clases... Esta obra está ambientada nun momento convulso, máis esas reivindicacións poderían trasladarse á actualidade.

-Tamara: As mulleres da Fábrica de Tabacos da Coruña foron as primeiras que fixeron unha folga en Galicia, un plantón en toda regra. Se ten unha lectura actual? Pois eu penso que si. Veremos a esas mulleres dinamitando a linguaxe patriarcal e falando de todas esas pedras que teñen enriba nunha sociedade patriarcal e clasista. Avanzamos dende os tempos de Emilia? Si, pero estamos en momentos convulsos e aínda hai materias pendentes.

Tamara Canosa
Tamara Canosa Jose Manuel Casal

-Sete actrices en escena. Será un orgullo dar voz a esas mulleres.

-Isabel: Si, somos sete e, ademais, estamos bastante tempo enriba do escenario. Persoalmente, é un orgullo. Xa as admiraba antes, pero despois de todo o proceso construtivo, agora aínda máis.

-Como foi recibida a obra?

-Tamara: Ao escenario chegounos moito calor e moita emoción. Tamén é certo que foi na Coruña e xogabamos na casa, pero gozamos moito facendo este espectáculo. Ten unha dramaturxia moi ben artellada e sete actrices que poñemos todo o que temos e somos. Creo que esa enerxía chega ao público e en Carballo, dende logo, tamén o imos dar todo. Ademais, no FIOT hai un amor ao teatro moi especial.

-Ese feedback positivo recíbese mesmo coa máscara?

-Tamara: Chega con e sen ela. Nos primeiros bolos impactaba máis ver ao público coa cara tapada, pero creo que agora xa estamos tan afeitos que o raro é case verlle o rostro completo a alguén. O público goza igual do teatro.

-Isabel, despois do éxito colleitado coa serie «Néboa», de volver ao teatro e de facer mesmo algunha incursión no mundo das webseries, en que traballa agora?

-Estou pendente de participacións en algunhas películas, con ensaios, probas de vestiario e cousiñas deste tipo. Non falta traballo, pero eu sempre quero máis! [ri] Tamén estarei filmando con Álvaro Gago a versión longa de Matria. A curta foi un éxito e facíame moita ilusión participar.

-Tamara, vén de estrearse o novo filme de Icíar Bollaín, da que forma parte do elenco. «Maixabel», un encontro entre unha viúva e o asasino, de ETA, que acabou coa vida do seu home. Peculiar foi o proceso de selección, pois foi a través da Rede.

-Pois si, xa non estabamos confinados, pero foi na cresta da onda da pandemia. Moitos cástings fixéronse a través da Rede nestes tempos. No meu caso foi en directo, como unha videoconferencia na que tanto a directora como a directora de cásting me ían pedindo cousas. Agora xa empeza a volver o asunto á normalidade, afortunadamente. E en canto á película, o certo é que está recollendo moi boas críticas. Creo que era un melón que tocaba abrir e Icíar faino con moita sensibilidade e moi boa man.

-Só queda desexarlles que gocen da visita ao teatro carballés.

-Isabel: Seguro que o faremos! Ademais, traer Cigarreiras en Carballo é volver á casa, porque estivemos ensaiando o último empurrón da obra aí.