Os merecementos de Cabeza Quiles

Xosé Pumar Gándara

CARBALLO MUNICIPIO

07 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa publicación de Toponimia de Carballo compre que fagamos revisión de canto leva feito Cabeza Quiles pola toponimia de Galicia. Empezou haberá xa 40 anos e desde aquela segue pescudando nos nomes da nosa Terra, que son onde está a mellor información sobre o pasado das nosas xentes. Así temos un acervo de libros da súa autoría que se fan imprescindibles se queremos saber sobre os nosos lugares, parroquias ou currunchos. Pero, ademais de libros, Cabeza ten espallados moitos artigos sobre topónimos en publicacións do Instituto de Estudos Bergantiñáns, en revistas da Estrada, da illa de Ons ... Porque hai interese en contar cosas súas colaboracións que dan importancia ó medio que as acolle.

Fernando é un investigador en sentido estrito. Fondos que foron dos grandes mosteiros e pasaron pola desamortización a entidades públicas, como son tombos, códices, foros; documentación do Arquivo Diocesano, ou da Catedral, ou da U. S. C., foron visitados polo noso autor. Ten ademais, polo que se descobre nas súas obras, toda clase de dicionarios da lingua, empezando polo Pokorny.

Con toda esta información, Fernando fai un relatorio asequible a todos, amable Todo vai sobre pautas históricas, etnografías que son moi gratas ó lector. De vez en cando, o mesmo autor visita os lugares reseñados para comprobar a coincidencia do nome e a xeografía.