Máis de cen asistentes previstos no congreso «Cidades que camiñan», en Carballo

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Paseo do Anllóns, Carballo, en el casco urbano
Paseo do Anllóns, Carballo, en el casco urbano BASILIO BELLO

A capital de Bergantiños recibirá visitantes chegados desde Pontevedra, Lugo, Vigo e incluso México

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A oitava edición do congreso «Cidades que camiñan», punto de referencia para especialistas, entidades e institucións que traballan no eido da mobilidade, atraerá entre os días 7 e 9 de outubro a Carballo a máis dun centenar de persoas. Son 115 os asistentes previstos de cara a xornada pública do venres 8, procedentes de trinta municipios de todo o país e tamén de México.

A cita comezará un día antes, cun paseo pola vila, guiado por persoal da oficina técnica municipal, cunha participación estimada de 53 persoas. O punto de encontro será o mercado municipal de Carballo. Xa a continuación, 29 membros da Rede de Cidades que Camiñan celebrarán a asemblea xeral anual no Pazo da Cultura, que tamén será a sede da xornada pública do venres 8, cando se contará con catro relatorios especiais, así como a experiencia directa de dez cidades, en tres mesas redondas específicas.

Nelas, estará presente Ismael Aznar, máxima autoridade de avaliación ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica. «Considérase de especial interese no contexto de implementación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), tema sobre o que se celebrará unha mesa redonda específica na que se abordarán os casos de Valladolid, Sevilla, Carballo e Pontevedra, cidades de tamaños variados, pero comprometidas co uso racional da mobilidade motorizada», apuntan desde el Concello de Carballo.

O arquitecto Pedro Torrijos, o xeógrafo Màrius Navazo e a enxeñeira civil Paula Teles, serán tres dos protagonistas nas tertulias do venres 8. O primeiro, divulgador de temas arquitectónicos, detallará como se plantexan as cidades do futuro. Navazo, pola súa parte, estará á fronte da mesa A rúa contemporánea: de rúas corredor a rúas salón, co estudo de casos como os de Carballo, Pontevedra, Logroño e San Cristóbal de la Laguna, unha das últimas incorporacións á Rede e a única cidade das Illas Canarias que, polo momento, forma parte dela. A maiores, haberá unha rolda sobre seguridade viaria con enfoque peonil, introducida por José Manuel Pan, xornalista de La Voz de Galicia, ó que seguirán os casos da Coruña, Getafe, a Deputación de Pontevedra e Pamplona.

Xa na clausura, Paula Teles, coordinadora das Cidades e Vilas com Mobilidade para Todos, fará un percorrido polo estado da recuperación do espazo público nas cidades portuguesas.

Por último, o día 9, levarase a cabo unha ruta guiada pola arte urbana de Carballo, proposta que tivo unha boa acollida, con 44 persoas inscritas. Ademais, foi ben aceptada a oferta para dispoñer de bicicletas para desprazarse polo concello durante os tres días de congreso, con 13 solicitudes polo momento.

A Carballo chegarán persoas desde distintos puntos de Galicia, como Santiago, Ordes, Ponteceso, Lugo, Vimianzo, Oleiros, Vilagarcía de Arousa, Narón, Vigo, Fene, Pontevedra, Ferrol e A Coruña. En base ós datos facilitados polo Concello de Carballo, a capital da provincia é a segunda en número de participantes, cun total de 22. Tamén haberá asistentes chegados desde Madrid, Andalucía, Navarra e a Comunidade Valenciana.