Juan Seoane: «Se habituamos á xente nova a coller a bicicleta, gañamos para o futuro»

Pablo Varela Varela
pablo varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade en Carballo
Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade en Carballo BASILIO BELLO

ENTREVISTA |  Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade en Carballo, estará presente a próxima semana no congreso «Cidades que camiñan»

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case cada mañá, ó levar ós nenos ó colexio en Carballo, Juan Seoane pedalea para achegar ós rapaces ó centro educativo. O concelleiro de Mobilidade da capital de Bergantiños avoga por «dar pasiños, pouco a pouco» para humanizar a vila e que os vehículos alternativos gañen espazo nun proceso que se intúe lento, pero necesario. Será a próxima semana, na oitava edición do congreso «Cidades que camiñan», que acolle Carballo entre xoves e sábado, cando estarán sobre a mesa os distintos plantexamentos que se levan a cabo en distintas localidades do país.

-Pasaron xa dous anos desde a implantación do límite a trinta quilómetros por hora no casco urbano de Carballo. Que balance fai deste período?

-Como todo o que ten que ver con tráfico e mobilidade, a velocidade a trinta tamén chocou, de inicio, a algunha xente. Falábase de afán recadatorio, multas... O tempo demostrou o contrario. O que se percibe é que a xente foise acostumando. Non hai máis atascos por isto, non leva máis tempo pasar por Carballo. E en canto ó tema de sancións, non hai máis sancións que cando o tope estaba en cincuenta quilómetros por hora. Eu vexo un tráfico máis calmado, e seguridade para peóns e bicicletas.

-Cal é o seguinte paso que se proxecta no Concello no referente á reordenación da mobilidade urbana?

-Non serán grandes cambios, senón algúns pequenos que irán pouco a pouco. Desde o departamento de Planificación Urbana apostouse por ampliar as beirarrúas e priorizar ó peón. Co proxecto «Cicl-ando» tentaremos darlle un impulso engadido ás políticas de uso da bicicleta.

-Aséntanse as novas formas de mobilidade entre as novas xeracións?

-É un traballo lento. Non podemos pretender cambiar por completo a forma de desprazarse dun día para outro. É certo que a comarca depende moito do coche. Hai dispersión da poboación e a xente, desde nova, está acostumada a ir en coche ou moto a centros de ensino e traballo. É importante a difusión en centros escolares. Plantando unha semente, iremos mudando pouco a pouco a forma de moverse. Se habituamos á xente nova a coller a bicicleta, a ir a pé ou no patinete eléctrico, gañamos para o futuro.

-Hai marxe de mellora no eido informativo sobre como moverse con este tipo de vehículos?

-Hai que incidir nas campañas de sensibilización, educar á xente ou explicarlle como circular. Non é que os VMP sexan un problema, pero se non circulan como deben poden orixinalos, especialmente en grandes cidades. No Concello apostaremos máis polo traballo de difusión sobre como circular correctamente. En realidade, non é mais que respectarnos todos dentro do espazo urbano.

-A que modelo de localidade atende Carballo para imaxinarse o seu futuro?

-En Galicia coido que todos temos a Pontevedra como unha referencia. Está a marcar o camiño, pero o congreso «Cidades que camiñan» serve para vilas e cidades grandes. Cada unha, coa súa propia solución. A nosa idea é reorganizar o espazo urbano para poñer ós peóns como protagonistas. Referencias hai moitas, pero hai que destacar Pontevedra. Xa foi premiada en múltiples ocasións polo seu modelo. En todo caso, é importante subliñar que non tódalas solucións das que se falarán a próxima semana son aplicables para tódalas vilas, porque cada unha ten as súas particularidades.

«Non hai que coller o coche para desprazarse apenas dous quilómetros»

Repensar as vilas e cidades e recuperar as rúas para a veciñanza é unha cuestión que está en debate permanente, un debate ligado á incidencia dos coches e á necesidade de reducir emisións nun contexto de cambio climático. No caso de Carballo, ademais, tamén se intúe a importancia de seguir aportando cor entre o cemento.

-Volveremos ó escenario de mobilidade previo á pandemia ou detecta un punto de inflexión?

-Eu creo que a crise sanitaria, por unha parte, supuxo que a xente valorase o espazo público como un lugar onde atoparse. Cando nos deixaron saír, a xente alegrouse de volver á rúa, aínda coas distancias. No referente á mobilidade houbo un cambio que, loxicamente, coa nova normalidade, freouse un pouco. Estase utilizando menos o coche. Non hai que coller o coche para desprazarse a dous quilómetros. No caso do noso concello, saíndo do casco urbano en dirección ó polígono, ou simplemente cruzando Carballo, tardas dez minutos andando. E en coche case que che leva o mesmo, se atopas semáforos polo camiño, buscas onde aparcar... Camiñar é máis san, máis saudable, así que iremos pouquiño a pouco.

-Valóranse máis iniciativas para naturalizar o entorno urbano, con máis espazos verdes?

-Na maior parte dos proxectos que se sacan adiante na vila é así. Non se fan pensando só na mobilidade, senón tamén niso. Zonas verdes, árbores, arte urbano... No entorno da rúa Bos Aires ideouse elaborar un mural nun peche que hai alí. É precisa certa calidade estética, buscar un impulso a maiores.