«A parábola do angazo», máis humor con lingua de Talía Teatro 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

A compañía estreará o sábado, na Rúa dos Contos do FIOT carballés, este espectáculo que vén a pechar unha triloxía. A programación da fin de semana no festival vén intensa: ¡anote!

29 sep 2021 . Actualizado a las 21:31 h.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) encara unha fin de semana de peso e con propostas diversas, tal é o caso da estrea da segunda edición de FIOT Fónico ou da primeira función do programa de sala. Non obstante, haberá moito máis, como a Rúa dos Contos, e dentro dela a estrea do novo espectáculo de Talía Teatro, A parábola do angazo. Parte dun conto popular, aló polo século XVIII, e vén a cerrar unha triloxía, a iniciada con Bicos con lingua (2003) e seguida con Pelos na lingua (2011). De que vai? Do galego, da perda de falantes, daqueles que o falaban e «por arte de birlibirloque» o esqueceron ou quixeron esquecer. Por que? O mozo que emigra e volve á terra falando castelán e tendo esquecido que era a legoña, o celeiro e o angazo, ou o doente que sofre «o síndrome de Artur», brotes de lingua galega, son algúns dos sketches desta función, da que Talía ofreceu este mércores un petisco no Pazo carballés. Un espectáculo de «pequeno formato» que inicialmente ía para contada, para monólogo, pero que medrou, como dixeron os intérpretes [Artur Trillo e Toño Casais] e o director, Diego Rey.

Logo da súa residencia artística en Carballo para este espectáculo, Talía segue nel, pois, a súa liña de compromiso e defensa da lingua galega. Confesou Trillo que cando iniciaron este proxecto, aló polo 2002, non agardaban para el moito percorrido, pero Bicos con lingua xa ronda as 400 funcións, e Pelos con lingua tamén as suma por centos, con moi boa acollida nos centros de ensino. A parábola do angazo volve ser un espectáculo collage, a partir de textos pedidos a distintos autores [Araceli Gonda, Marta Lado, José Prieto, Diego Rei, Séchu Sende e o propio Trillo] unidos por unha «argamasa» que lle dá sentido a conxunto.

Ana Garcia

O humor, a comedia, é a base de todo: «Entreter», como dixo Artur Trillo, moi por riba do didactismo: «O contrario sería un erro». «Non é iso de que ‘xa está Talía outra vez dicíndonos que temos que falar galego’. Queremos invitar ao espectador a que vexa as cousas dende distintos puntos de vista, non só dende aquí», abundou. «Multiplicidade de perspectivas. Non é un espectáculo agresivo para dicirlle á xente o que ten que pensar, sí para facela reflexionar dende diferentes ámbitos», indicou Rey. Incluso alguén que lle teña teima ao galego podería gozalo.

«Un clásico»

Con dous xogos de palabras, Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, agradeceu a Talía a súa aposta polo FIOT para estrear. Dixo deles que son «impresentables», porque non necesitar presentación, e así os deixou «representados», porque xa os ten presentado moitas outras veces. Talía foi Premio do Público no 2010. «Se o FIOT tivese clásicos, Talía seríao», afirmou Sueiro, desexándolle éxito. Tamén llo desexou o edil de Cultura, Marcos Trigo, confesando que lle agradaría que o contaxioso síndrome de Artur se estendese por toda Galicia. «Un orgullo contar con vós, a arte para mover conciencias, á sociedade, para facer reflexionar», afirmou.

Ana Garcia

A estrea de A parábola do Angazo poderá verse sábado ás 22.00 horas e domingo ás 19.00, no salón de actos do Pazo. Entradas en ataquilla.com. Logo irá á Coruña, Vimianzo, Cee ou Muxía. A compañía ten ademais no horizonte un espectáculo de grande formato, Morte accidental dun anarquista, baixo a dirección de Cándido Pazó e con texto de Darío Fo.

Á venda entradas logo de esgotarse os bonos de sala

Este pasado martes activouse a venda dos bonos do programa de sala. Esgotáronse nunha hora. Este xovens, ás 17.00, sairán a venda as entradas individuais e dobres para a programación de auditorio e tamén para outra das grandes novidades desta 30.ª edición do festival, o FIOT en Ruta, espectáculos de Berrobambán e Chévere nos centros sociais de Cances e Berdillo (días 8 e 12). A plataforma para adquirir os billetes é a mesma: ataquilla.com. Polo demais, esta vai ser a programación da fin de semana:

FiOT Fónico [OTNI]

Venres • 19.00 e 20.00 horas • De balde, con reserva • Segunda edición deste proxecto que explora Carballo como escenografía e novas linguaxes teatrais, a través do audio, un paseo sonoro. Estrea absoluta de O espello que arde, unha peza escrita por María Lado. Saída dende o entorno da vella estación de autobuses.

O equipo de O espello que arde, obra do FIOT Fónico
O equipo de O espello que arde, obra do FIOT Fónico

Teatro de rúa

Venres • 20.00 horas • Rúa Jacinto Amigo • Espectáculo A Corda, da compañía A vela circo. Humor, circo e clown para todos os públicos.

Rúa dos Contos

Venres • 21.00 • Espazo Xove • Outra estrea absoluta. Ángela Triana ofrecerá Desta sairemos mellores. Entrada: 3 euros, en ataquilla.com.

Venres • 23.00 • Casino • Sexo débil, o carallo! será a proposta de Arantxa Treus, tamén dentro da rúa dos Contos. Tres euros, para adultos, billetes en ataquilla.com.

Sábado e domingo • 22.00 e 19.00 horas, respectivamente • Salón de actos do Pazo • Quenda de Talía Teatro, co espectáculo presentado este mércores. A parábola do angazo será ademais eixo do FIOTeen, programación para adolescentes, no mes de outubro. Entrada: 3 euros, igualmente en ataquilla.com.

Domingo • 20.00 • Mercado municipal • Paula Carballeira é xa ben coñecida en Carballo. O domingo volverá á vila co seu espectáculo Camiños. Entradas a 3 euros, tamén en ataquilla.com.

Programación de sala

Sábado • 20.30 • Auditorio do Pazo da Cultura • Primeira función de sala deste ano, coa compañía Manolo Alcántara, moi querida polo público. Alcántara é un referente nacional do novo circo. Desta vez veñan a Carballo con Déjà vu. Dez euros, billetes en ataquilla.com.