Plumas con mando | Mil outonos máis

Marcos Trigo Facal

CARBALLO MUNICIPIO

Nesta encrucillada redescubrimos o valor de todo o que nos importa. Escribe Marcos Trigo, edil de Cultura de Carballo 

19 sep 2021 . Actualizado a las 22:50 h.

Comparto con Henrique Mariño o interese polas distopías literarias mais, aínda que el lle atribúe a un galego o mérito de ser o pioneiro neste xénero, non creo que ningún de nós pensara en vivir unha historia así en primeira persoa. Pero agora que nos atopamos no segundo ano da pandemia do coronavirus moitas cousas mudaron e, aínda que a normalidade (a vella) parece cada vez máis preto, vemos as cousas doutro xeito.

Durante este tempo de medos, incertezas e frustracións pasaron a ser habituais expresións que nunca utilizaramos como «contacto estreito», «toque de queda», «peche perimetral» ou «distancia social». Situacións cotiás como estar con amigos e familia ou actividades frecuentes como tomar un café, ir ao teatro, ao fútbol ou a bailar deixaron de ser posibles para logo realizarse limitadas por un «protocolo covid». En definitiva, nesta encrucillada redescubrimos o valor de todo o que nos importa, unha grande aprendizaxe para unha sociedade madura (desculpen o optimismo).

Apoio decidido

Ante crises coma esta hai quen pon en cuestión os investimentos na cultura e no deporte. Sen embargo, en Carballo apostamos polo apoio decidido a estas áreas como xeradoras de economía, traballo, benestar e saúde. O seu importante peso no orzamento municipal é un reflexo de como respira a sociedade carballesa e non debemos subestimar a forza dunha comunidade que se apoia nestes fundamentos.