Invisibles

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

17 sep 2021 . Actualizado a las 08:18 h.

Aló polo ano 1985, nos tempos de primeiro de BUP do Alfredo Brañas, cando me fixen socio da Biblioteca de Carballo (son incapaz de lembrar se son o socio 315 ou 415, e tiña un carné ben xeitoso co número moi visible), pasei moitas tardes despois das clases, e antes de coller o Finisterre, naquel espazo do lateral do Concello (onde vai que cambiou de sitio) no que o que o dominaba todo era o silencio. Absoluto. Nin cando compartín biblioteca con opositores a xudicaturas e notarías varios anos máis tarde resoaban tanto os intensos ecos do silencio, algo que tantas veces se bota en falta no medio do forte ruído que todo o rodea. Naqueles tempos adolescentes, nos que aprendiamos letras de Dire Straits e comprabamos palmeras de chocolate nun escaso quiosco diante do Galicia, o libro máis demandado polos catro frikis que non parabamos de ler era a célebre Antología de Maravillas, Curiosidade, Rarezas y Misterios de Noel Clarasó. Xa non sei que número edición era (tivo moitas), só que as tapas eran azuis. Non había novela que superase en imaxinación aquel volume, nin sequera A historia interminable de Michael Ende co inesquecible Bastián que nos facían estudar en Lengua. Un dos capítulos era como volverse invisible a costa dun pobre gato, e nunca cheguei a saber se a fórmula funcionaba ou non: pensaba que sempre estaría a tempo de probar, e razón non me faltaba. Pero o máxico daqueles tempos non era o que liamos, xa que con 14 anos calquera minuto da vida é pura fantasía. O máxico era pelexarnos entre varios para chegar antes ao libro: ler e soñar. Cos ollos de hoxe, ciencia ficción, moito máis ca ser invisible.