O Interplay reivindicou Carballo como epicentro da creación dixital galega

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A música de Rebel Garden aderezou a gala da entrega de premios, que puxo fin á oitava edición do festival

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Boa parte dos contidos e actividades celebradas a pasada semana no marco do oitavo Carballo Interplay están dispoñibles de xeito libre e gratuíto a través da plataforma Youtube. O festival de contidos dixitais, que se despediu o sábado coa súa xa tradicional entrega de premios, converteu á localidade bergantiñá na capital do dixital, «no epicentro do que está a pasar na rede, ou mesmo do que en pouco tempo vai estar pasando nela», resumiu o concelleiro Xosé Regueira, responsable de Promoción Económica e Turismo, área implicada na promoción do evento.

A directora da cita, Sonia Méndez, tamén quixo facer balance desta oitava edición, que segundo ela cumpriu os obxectivos que tiña previstos: «Trasladarlle á sociedade de Carballo e de Galicia todo o que hai que saber sobre a internet galega e en galego, ofrecer unha ollada dos contidos e formatos que lles interesan ás xeracións z e centennial, explicar que están facendo as canles públicas de Galicia e Portugal para achegarse a ese público máis novo e reflexionar sobre cómo podemos posicionarnos como activistas na rede, especialmente a través do humor, ofrecendo ademais varios percorridos polos vídeos de internet máis marxinais e divertidos e como van afectando á nosa identidade, sexamos conscientes ou non».

A música de Rebel Garden aderezou unha gala na que triunfaron La reina del pueblo (mellor serie estatal), Mortal Glitch (internacional) e Mataría (versión orixinal en galego), entre outros títulos.