O amor polo teatro e polo noso FIOT carballés

Alberto Sueiro

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

SECCIÓN PLUMAS CON MANDO | Escribe Alberto Sueiro | Balance dos trinta anos dun festival que ten que seguir medrando

12 sep 2021 . Actualizado a las 23:14 h.

O martes presentamos a que vai ser a 30ª. edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT, nunha velada na que abofé que o máis salientable foi a intervención da Aula Municipal de Teatro de Carballo, a quen reitero a miña admiración e gratitude, por facer unha brillantísima escolma e resumo destes largos trinta anos que están a piques de se cumprir, dende aquela afastada Primavera de Teatro de 1992.

É inevitable que a mirada do vivido nos leve a melancolía. O recordo emocionado das persoas, do feitos, das noites e os días, de tantos que estiveron e axudaron, e sobre todo dos instantes, deses raios fuxidíos de felicidade que provocan unha escena, unha palabra, un xesto, un berro... Diso é do que se enche o amor polo teatro e, por tanto, polo noso FIOT.

Mais non é este o tempo de laiarse nin de mirar atrás. Ese espazo, ese momento foi o pasado ano, no que o tivemos que entrar en pausa. Ao cumprir os 30, feito moi notorio na nosa Vila na que non adoitamos a ser de conservar as cousas, nin de manter longas tradicións, xa que as mais das veces, as iniciativas pérdense coa desaparición do voluntarismo esforzado de quen as puxeran en pé.