De cando visitei por primeira vez o meu bosque sagrado, Monte Neme

fernando cabeza quiles

CARBALLO MUNICIPIO

Imaxe do sitio orixinal, onde estivo o círculo lítico
Imaxe do sitio orixinal, onde estivo o círculo lítico CABEZA QUILES

Escribe Fernando Cabez Quiles, experto en toponimia e admirador deste recuncho

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Santiago é espléndida torre de reloxos e acibeches antigos, Padrón río e cereixas e O Ribeiro manso caudal de pipas e viñedos, Carballo de Bergantiños é un magnífico bosque de carballos sagrados nunha interrompida e profiláctica noite de San Xoán. Aquí a fraga invádeo todo: magníficas árbores no bosque carballés do Añón, castiñeiros pondalianos en Dormeá, carballos en Carballido. Os piñeirais pontecesáns fan doce son e en ningún lugar como nestes boscosos territorios os piñeirais exhalan queixumes tan agoniados e sinceros.

No país de Carballo de Bergantiños no canto de toponimia, cumpriría falar dunha fitotoponimia verde e exuberante con exemplos como o de Verdes, Erbecedo, Carballo ou O Bosque. Así e todo, onde a toponimia descobre os máis xenuínos segredos da terra é no nome do monte Neme, topónimo derivado da voz celta nemeth ‘bosque sagrado, santuario’.

En canto ao seu templo, chamado A Eira das Meigas, visiteino por primeira vez un xa afastado serán do ano 1978. O home paisano que me acompañaba contoume monte arriba que era un círculo de pedras brancas sen labrar de «douscentos metros de superficie» e que a última vez que o vira «aquela terra estaba e tiña movemento». Cando chegamos ao cume da significativa orografía o círculo desaparecera. Apetencias mineiras baleiraran o redondo ventre da montaña e o refrescante vento do mar de Razo movía un sitio completamente baleiro. Malia a profanación, o crómlech foi documentado no seu día nada menos que por Murguía. Antes de abandonar o lugar, crin ver durante uns breves instantes unhas sombras femininas fuxir entre uns piñeiros escuros, visión que eu atribuín a un efecto óptico producido polo luscofusco.

Cando baixabamos do monte, na aldea de Nétoma, alguén nos relatou que no cumio do Neme estivo «a eira das meigas» ou «o circo dos xogos»: do seu folclore destaca a lenda que na véspera do San Xoán as bruxas, sentadas nas pedras brancas que formaban o círculo lítico, tomaban acordos para danar os humanos. As celebracións circulares do monte Neme non desapareceron de súpeto. A vertente marítima da montaña ten nome de santa, a crenza pagá foi cristianizada. Unha avoa de Nétoma recordaba beber na fonte de Santa Cristina e, mentres alindaba de nena o seu marelo gando, xogar entre as ruínas dunha ermida.

Despois das experiencias vividas, aquela noite no meu cuarto do desaparecido Hostal Allones de Carballo, onde paraba, vinme convertido en soños nun vigoroso macho cabrón, no medio dun aquelarre, rodeado de bruxas novas a cada cal máis suxestiva e sensual. A mañá seguinte, no comedor do establecemento hostaleiro decateime, mentres almorzaba, que un calendario electrónico sinalaba o 24 de xuño. Fóra, a banda de música de Corme amenizaba con pasarrúas o día grande das festas de San Xoán de Carballo e no ceo da vila estoupaban potentes bombas de palenque. Aínda hoxe non son quen de distinguir a parte real da parte soñada aquel inesquecible solsticio de verán.