Píllara, pasatempos e galego entreteñen o verán de Carballo

nicoLÁS pose / p. b. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Unha publicación pioneira | Concello e AS-PG suman formas nesta nova e orixinal proposta para o estío

19 jul 2021 . Actualizado a las 16:14 h.

Concello de Carballo e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de presentar na biblioteca Rego da Balsa A píllara das dunas: caderno para pasar o tempo e coñecer Carballo. Editáronse 2.000 exemplares deste libro de pasatempos, dispoñible tanto nas bibliotecas do municipio como na novidosa bibliopraia de Razo. O obxectivo non é outro que divulgar o entorno, na liña do que se vén facendo co programa Eu Quero a Razo e Baldaio, e, doutro lado, promover a lingua galega, como leva facendo a ASPG dende hai moitos anos. Ofrécese nel información sobre a píllara das dunas, especie que ten no litoral carballés un reduto de vida, pero aínda así ameazada, sobre todo pola presenza de cans soltos. Por tanto, a publicación pretende asemade crear conciencia, entre pequenos e adultos.

Presentación do caderno, este luns
Presentación do caderno, este luns

É esta a primeira revista de pasatempos en galego editada por un Concello. «Queremos crear precedente, non ser os únicos», dixo o alcalde, Evencio Ferrero. Agardan unha boa acollida e, incluso, facer máis proxectos así. Maruxa Suárez, edila de Normalización Lingüística, afirmou que o caderno se presta para entreterse ao sol e mesmo para descubrir algún misterio de Carballo: «Eu fixen algún [pasatempo] e teñen a súa complicación». Sobre o idioma galego, apuntou Patricia Varela dende a AS-PG: «Queremos unha lingua gastada polo uso». Unha lingua gozada.