O Centro Comercial Aberto, unha ferramenta de xeración de emprego

Germán Riveiro CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

PLUMAS CON MANDO, escribe o novo presidente do CCA carballés, Germán Riveiro  | A venda on-line e as redes sociais viñeron para quedar, aproveitémolas

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O comercio en xeral, e o pequeno en particular, está a pasar nestes últimos anos por unha época de cambio, pero coa recente situación que nos tocou vivir por culpa da pandemia, este proceso de transformación acelerouse aínda máis se cabe. A venda on-line e as redes sociais cobran cada vez máis presenza no mercado e queda claro que viñeron para quedar, polo que nós entendemos que é esencial apostar por estes novos xeitos de comercialización no eido minorista. Non hai que velos coma unha ameaza, senón como unha ferramenta útil ao noso alcance.

Hai que pensar que o comercio electrónico permítenos superar límites xeográficos e chegar a un maior número de clientes, ademais de ser un gran escaparate con posibilidades infinitas. Iso si, hai que pasar por un proceso de adaptación e formación, que, debido ás peculiaridades do negocio de proximidade, soe ser máis lento que nunha gran empresa.

Por outra parte, en Carballo temos a sorte de contar, dende hai moito tempo, cunha ampla oferta tanto comercial como de servizos, onde podes atopar modernidade e tamén tradición. Máis concretamente, con todas as recentes incorporacións ao Centro Comercial Aberto, podemos afirmar que estamos formando un gran tecido empresarial, cunha gran variedade e no que, ademais se ofrece calidade a os nosos clientes. Todo isto, axuda a manter o noso pobo con vida, facendo que sexa o punto de referencia non só para as carballesas e os carballeses, senón tamén para a xente da comarca e, incluso, de fóra. Dende a nosa asociación, unha das nosas prioridades será manter e fomentar este consumo no comercio local, xa que, ademais supón a única fonte de ingresos directa para moitas familias e, indirectamente, para moitas máis.