Carballo estrea biblioteca na praia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Abriu as súas portas en Razo un novo espazo de ocio literario e tamén de información turística

10 jul 2021 . Actualizado a las 00:38 h.

A biblioteca «coas mellores vistas do mundo», como reivindica o Concello de Carballo, abriu este venres as súas portas (e ventás). Este verán, en Razo, poderase tomar o sol, surfear, nadar ou xogar ao vólei, pero tamén gozar das últimas novidades literarias ou solicitar información turística e de actualidade sobre o municipio e o entorno. Xa funciona neste areal, pois, a denominada Praia dos Libros, un novo espazo compartido polas Bibliotecas carballesas e a Oficina de Información Turística.

ANA GARCIA

A «bibliopraia» estará aberta de luns a venres, de 13.30 a 17.30 no mes de xullo, e de 13.30 a 16.30 no mes de agosto. Funcionará co mesmo sistema que as físicas: no caso de ter carné de biblioteca, con el, e se non se ten, con dúas opcións: facelo alí ou usar o servizo de bookcrossing, libre. Doutro lado, o punto de información turística funcionará de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.30; nas fins de semana, de 11.00 a 15.30. Isto non quita que a oficina do Museo de Bergantiños siga operando igual, mais xa co horario de verán: de martes a venres, de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00; nas fins de semana, de 10.00 a 14.00.

ANA GARCIA

Evencio Ferrero, alcalde; Marcos Trigo, edil de Cultura; Maruxa Suárez, edila de Normalización Lingüística; e a futbolista Elena Vázquez,  imaxe da campaña de promoción da lectura deste verán desprazáronse ata Razo este venres. Cabe lembrar que nas librarías locais Brañas Verdes, Ler, Teldy, Trasgo e Clarión, esta fin de semana hai un 10 % de desconto nas obras literarias que se merquen (non válido para libros de texto).