Cultura para chamar polo verán en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Xacarandaina
Xacarandaina BASILIO BELLO

Música, maxia e circo dinamizarán as noites dos meses de xullo e agosto: ¡avance de programación do Verán Cultural! 

08 jul 2021 . Actualizado a las 18:40 h.

Polo menos ata este xoves resultaba difícil crer que o verán está en marcha. Se o San Xoán en Carballo foi a festa-non festa, o Verán Cultural que dende o Concello deron a coñecer este xoves sería, dalgunha maneira, o xeito de chamar por unhas boas temperaturas que se fixeron de rogar. Volven as actividades presenciais, adaptadas ás circunstancias, volve a cultura á rúa, en espazos abertos, volve un ciclo que, con máis de 20 anos, é referente. Haberá propostas xoves e venres, para facilitar a asistencia e unha maior oferta. Cultura variada, de calidade, para diferentes públicos e idades, para os veciños e visitantes que queiran ver enriquecida a súa estadía na comarca.

Un Verán Cultural de balde, con diversidade de localizacións (como novidade, o aparcadoiro do Pazo) e a base de música (pop, rock, tradicional, electrónica, cajún...), maxia e circo. Propostas que, dende a prudencia, reafirman un compromiso co sector cultural e co talento local. En todo isto abundou o edil de Cultura, Marcos Trigo, incidindo na adaptación ás circunstancias: aforos limitados, control de acceso, público sentado, circuíto de entrada e saída, desinfección, máscara e toda unha rede de colaboradores á que agradeceu: Brigada de Obras, Servizo de Limpeza Viaria, alumeado público, Policía Local, Protección Civil e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Mencionou o alcalde, Evencio Ferrero, unha programación «estendida no tempo e tamén en espazos». «Pouco a pouco vaise recuperando actividade e nós sempre dixemos que a cultura tamén é un ben económico», abundou, pedindo respecto e prudencia, máis aínda á luz dos últimos datos.

Curiel
Curiel Ana Garcia

Para público familiar e infantil

A Banda do Verán

Venres 23 de xullo • 20.00 horas • Rúa Jacinto • Xoán Curiel e a Banda do Verán traen A casa do terror, espectáculo musical con cancións, danza, teatro, clown e participación do público.

O Mago Antón

Xoves 29 de xullo • Mañá e tarde • Praia de Razo • Haberá varias sesións para entregar ao magomóbil de 13 metros. Isto é A volta a Galicia en 313 concellos: ¡pura maxia!

Circo Chosco

Venres 6 de agosto • Rúa Jacinto Amigo • 20.00 horas • OH-Pera é circo, humor, equilibro e acrobacia, todo dentro dunha ópera surrealista.

Para público adulto

Concertos

La Crema • Xoves 29 de xullo, 20.00 horas • Rúa Jacinto Amigo • Un dos grupos que marcou época en Carballo e que volven aos escenarios trinta anos despois para presentar o traballo A ras del suelo ‘21.

Budiño&Novoa • Venres 30 de xullo, 22.00 horas • Rúa Jacinto Amigo • Budiño e Pablo Nova, dous piares da música galega, chegan con un proxecto conxunto sen perder esencia.

Budiño
Budiño PACO RODRÍGUEZ

Baiuca • Venres 6 de agosto, 22.00 • Aparcadoiro do Pazo da Cultura • A esta formación tíñaselle ganas en Carballo. Capaces de mesturar tradición e electrónica. Percusión, muiñeiras, cantares e sintetizador. Baiuca, que presentará o traballo Embruxo, está nel acompañado por Xosé Lois Romero, as pandereteiras Lilaina, o artista Rodrigo Cuevas ou o gaiteiro Cristian Silva

Maraya Zydeco • Venres 13 de agosto, 22.00 horas • Rúa Jacinto Amigo • Unha das poucas bandas europeas que traballan a música cajún. O acordeón, con melodías próximas á música galega, será grande polo de atracción.

E ademais....

Programa Xacobeo • O Concello carballés colabora con dous programas promocionados por este ciclo da Xunta de Galicia. Un deles é Danza 3, que promove a Agadic, e a través do cal actuará na localidade o grupo de música e baile Xacarandaina, todo un referente (venres 16 de xullo, 20.30 horas, rúa Jacinto Amigo). O outro dos programas é O país das bandas, en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Músicas Populares: actuará a banda municipal de Brión: xoves 22 de xulo, 20.30, rúa Jacinto Amigo.

Circo Chosco
Circo Chosco

Cine • Catro sesións, en colaboración coa Deputación: rúa Jacinto Amigo (venres 9 de xullo e 19 de agosto), Razo (15 de xullo) e Pedra do Sal (12 de agosto).

Residencia RPM • Carballo volve colaborar co programa Residencias Para_íso, cedendo un espazo do Pazo da Cultura para a residencia artística de Marta Valverde, entre o 12 e o 23 deste mes actual.

Praia dos Libros • Campaña de promoción da lectura.