Maruxa Suárez Cotelo, concelleira de Festas: «Volve o San Xoán en Carballo, aínda que sexa con restricións»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

A representante do goberno municipal considera que as festas «serven para impulsar a hostalería e o comercio locais»

24 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Maruxa Suárez Cotelo (1978, Carballo) é docente e educadora infantil, cargos que compaxina co de concelleira de Festas, Normalización Lingüística e Mocidade de Carballo. Chegou á política municipal en maio de 2019. O primeiro San Xoán do presente mandato xa quedara perfilado pola súa predecesora, Mar Eirís, pero cando chegou a súa quenda veu a pandemia e parouno todo.

-Parece que chegou o seu momento despois de ano e medio de grave crise sanitaria.

-Foi un ano e medio moi complicado. Estabamos a preparar con moita ilusión o San Xoán de 2020 cando houbo que paralo todo. Agora regresa, aínda que somos conscientes de que non será como desexaríamos pero, polo menos, que é o importante, é que hai San Xoán.

-Que se busca por parte do Concello con este San Xoán?

-O primeiro obxectivo é dar certa sensación de nova normalidade. Iso si, con responsabilidade por parte de todos. E o segundo, apoiar a hostalería e o comercio locais coa posta en marcha de campañas de sensibilización de mercar no comercio local como Máis de Carballo que o pan ou A Festa levámola dentro (da bolsa).