Germán Riveiro: «Se queremos ter un comercio forte, temos que estar unidos»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A modernización e a Rede é outro camiño preciso: «A xente, cada vez máis, quere ver dende a súa casa o que temos nos comercios». Fala o novo presidente do Centro Comercial Aberto de Carballo  | GENTES DEL FINIS TERRAE 

23 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo iniciou a finais de maio unha nova etapa, cunha directiva renovada encabezada por Germán Riveiro (A Laracha, 1982), responsable do comercio Zocas. Con este novo equipo ao fronte vén de rematar a campaña Que rule, que rule!, deixando moi boas sensacións. Di Riveiro que foi un traballo de continuidade, pois a campaña xa se comezara a preparar coa anterior directiva, encabezada por Ricardo Pallas, e da cal el xa formaba parte. Foi cuestión de acabar de darlle forma. Germán e o resto dos integrantes deste novo equipo deron un paso adiante para que a entidade continuase.

-Integra a directiva xente relativamente moza e ao fronte de comercios dinámicos, modernos.

-Hai un pouco de todo. Xente de márketing, comercios novos que intentamos renovarnos cada día cos nosos escaraparates, coas nosas redes ou webs... Creo que ese é o camiño que debemos tomar no comercio de Carballo: a nosa idea é entrar nesa dinámica, renovalo. Hai, de feito, comercios de toda a vida e de moita calidade que se están renovando bastante ben. Quizais haxa puntos nos que aínda teñamos que evolucionar algo máis, como as devolucións en efectivo, algo importante de cara ao cliente final e que nos demandan todos os días. No que se refire a redes ou páxinas web, hoxe case todo o mundo ten uns recursos ben coidados, e penso que é a vía para chegar a máis público. A xente, cada día máis, quere ver dende a súa casa o que temos nos comercios.

-Que ideas traen?

-Queremos manter cousas que se viñan facendo, como as feiras de oportunidades, os mercadillos ou mesmo este Que rule!, con moito éxito. Tamén a campaña de Nadal seguirá, xa a anterior foi bastante potente. Entre os nosos obxectivos estará ademais a firma de convenios con empresas, como se empezou a facer xa a finais do mandato da anterior directiva, de cara a que os socios teñan beneficios en compañías de enerxía, transporte, gasolineiras... Na idea temos a maiores outro tipo de eventos, mercadillos non xa de rebaixas, senón ao mellor en espazos abertos, para presentar colección, e sobre todo potenciar moito a visibilidade dos socios. Hai pouco fíxose unha campaña en redes, O prezo xusto, que tivo de media un alcance de 32.000 persoas: un só comercio, por si só, non podería ter chegado a esas cifras. Queremos incidir nesa visibilidade de todos e incidir se cabe aínda máis naqueles que ao mellor teñen unha menor, como xestorías, perruquerías ou clínicas de masaxe, por exemplo. Gustaríanos seguir medrando en número, tamén.

BASILIO BELLO

-Cantos socios son hoxe?

-Uns 120, máis ou menos.

-Non son poucos, moitos máis ca uns cantos anos atrás.

-A anterior directiva recuperou bastante a entidade, fixo importantes campañas de captación de socios, mudáronse actividades e iso deu e segue dando resultado. A xente segue ao CCA. Tanto dende o anterior equipo como dende este cremos que, se queremos ter un comercio forte, temos que estar unidos. É o camiño para poder manter os nosos negocios nos tempos nos que estamos. Cando empecei no meu hai nove anos non vía preciso estar nunha asociación, pero dende que entrei nela, vexo que cada día é máis necesario. No Nadal, por exemplo, potenciamos abrir os sábados pola tarde. Entendemos que en moitos comercios non se pode, porque sendo unha persoa soa tampouco se pode estar 24 horas no negocio, pero de levalo ao cabo, non é o mesmo facelo un por si mesmo que ter vinte comercios do CCA abertos o sábado pola tarde: así xa che dá máis xogo vir a Carballo. Poño por exemplo o meu caso: este sábado pola tarde, a xente viña á ruleta, tocáballe un desconto nun comercio e xa viñan ese mesmo día gastalo, xente que non era de Carballo, e que doutro xeito ao mellor non viría. Tivo a súa repercusión tamén na hostalaría, así que ao final é unha sinerxía: se o comercio e hostalaría están fortes, ao final pois todos imos ter xente.

-Cal será o próximo proxecto? En que andan traballando?

-Agora mesmo estamos coa campaña de San Xoán que promove o Concello, unha campaña máis de imaxe, e que está gustando moito entre os clientes. Miraremos a ver se nos dá tempo de facer algo de cara o verán, e logo pensamos xa no mercadillo de finais de agosto-setembro. Traballamos ademais nunha sinalización conxunta dos comercios do CCA, para que sexa máis fácil identificalos, un proxecto que xa iniciara a anterior directiva.

A directiva. Riveiro cre na idea de equipo. Na vicepresidencia está María Carmen Pacoret Rey (Mmmm! Xeados). Como secretario, José Manuel Vázquez Collazo (Marketing Dixital A Meiga). Como tesoreira, Vanesa Cabeza Bello (Atelier) e, como vocais, Celina Soneira Souto (Ekate) e Vanesa Facal Aguiar (Ganesha). Segue de xerente Maricarmen Freire.