Xan Fraga, historiador carballés: «Os trolebuses eran un servizo social»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A VIVA VOZ | Unha mostra na capital de Bergantiños evoca o progreso que trouxo este transporte e quen o fixo posible

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa memoria de neno, o historiador, docente e escritor Xan Fraga Rodríguez (Carballo, 1958) ten aínda aquel desexo dos pequenos «de ir no trole de dous pisos, arriba de todo». Fraga é autor de moitas obras, entre elas varios volumes de Crónicas de Carballo ou, máis recentemente, Arquitectura e urbanismo. Unha ucronía carballesa. Ten dedicado decenios ao estudo dos trolebuses, con diversas publicacións. O venres quedou inaugurada, ao aire libre, na Praza do Concello carballesa, a mostra 50 anos sen troles, da que é comisario, e da que falou en Radio Voz con Fran Rodríguez. Concello e Lumieira sumaron forzas para levala a cabo. A liña A Coruña-Carballo funcionou dende o 1950 ata o 15 de marzo de 1971.

-Foi algo clave na nosa historia.

-Os  trolebuses de A Coruña-Carballo, esta liña de 34 quilómetros [a máis longa do Estado e á cabeza tamén na Europa occidental], supuxeron un avance nas comunicacións, a nivel das persoas e das mercadorías. Cando se inaugurou, no 50, eran moi deficientes en Bergantiños. Aí está o que significou arranxar esta estrada, que foi a primeira de España en ser electrificada. Para a Costa da Morte foi un avance, tamén para as empresas. Esta liña de trolebuses podía levar e traer todo tipo de mercadorías da Red Nacional de Ferrocarriles: moitas compañías de Carballo e da zona usaban os troles para isto, porque ademais do espazo para pasaxeiros tiña remolques e plataformas. Cando falamos de mercadorías falamos ata de gando vacún.

-Por que se apostou por esta zona? Foi o substituto do tren?

-Aquí houbo a comezos do XX, no 1904, e incluso xa a finais do XIX, un proxecto co que se intentou facer o chamado tren da riqueza, o tren da costa ou, tamén, o tren das «ces»: A Coruña-Carballo-Corcubión, cun ramal cara Santiago. Tería sido extraordinario, pero non se levou a cabo e cando comeza isto dos trolebuses, faino nun momento moi difícil. É unha iniciativa persoal de Enrique Sánchez Rodríguez. Xa no 1940 fai a solicitude. A nivel europeo, estamos na segunda guerra mundial, co papel de España moi vacilante, pasando de ser país neutral a non belixerante, e logo de novo, por diversos motivos, entre eles o wolframio, neutral novamente. Iso afecta moito a todo o Estado, e aquí tamén, porque Enrique mercara os trolebuses por partes, algúns en Berlín. Quedaron confiscados, e houbo que facer moitas xestións para que puideran vir. Tendo en conta este contexto, chégase ao 42, cando se constitúe a empresa, entrando nela o Banco Pastor e, principalmente, Barrié de la Maza: iso aporta un capital importante e, a nivel de trámites, foi un axuda substancial.

-Falamos dun exemplo de transporte público no que moverse sen contaminar, algo precursor.

-Sen dúbida. Cando nos 70 se desmantela todo isto, non só en Carballo e A Coruña, senón en todo o Estado, faise cunha falsa concepción do progreso. En Europa occidental, sobre todo na central, todo o sistema tranviario e de trolebuses ou tren, non se desmantelou. Tanto cando vivín en Barcelona como cando ía tantas veces a Xenebra, en calquera deses lugares podes ir nun trolebús ao aeroporto, por exemplo. Eu ía no número 10. Son trolebuses hoxe modernos, non os daquela. Os de dous pisos viñeron no 61 para Carballo. Chegou a haber máis de vinte e pico nesta liña.

-A mostra de Carballo é historia, pero tamén homenaxe a todas as persoas que participaron.

-O primeiro que comentei na inauguración foi iso, a homenaxe a Enrique Sánchez, pola súa iniciativa, e tamén a toda a xente que traballou na construción da liña. Arranxar a estrada, electrificala, con catro subestacións (Pastoriza, Lañas, A Laracha e Bértoa, antes de chegar ás cocheiras de Carballo), xa levou moito tempo: comezaron as obras no 43/44 e inaugúrase a liña Coruña-Carballo o 23 de febreiro de 1950. Chegou a haber unhas 90 persoas traballando: persoal técnico, peóns, condutores, cobradores, inspectores, persoal nas taquillas, auxiliares... Foi unha fonte de riqueza para Carballo durante anos. Cando a xente di que lle levaba moito tempo ao trole chegar, temos que pensar que era unha idea deliberada: había moitas paradas, e era un servizo social. Incluso moita paradas se crearon para persoas individuais. Chegou a ter máis 40, pero o trole, que chegaba aos 80 quilómetros por hora, podía facer o traxecto A Coruña-Carballo en menos dunha hora se só tivera dúas ou tres paradas. En canto aos prezos, había moitos: para estudantes, para traballadores, ida e volta, por sección, por tramo... Foi unha das primeiras empresas en ter convenio colectivo, é digna de ser estudada, de poñela en valor. Enrique non só foi a alma desta compañía, senón tamén doutra, no 1911, a que trouxo a enerxía eléctrica a Carballo. Xa fixera outra en Cuba e non está de máis recordar que levou a cabo o sistema eléctrico do Centro Galego da Habana nos anos nos que se cantou por vez primeira o Himno Galego, no 1907. Á volta de Cuba instalouse aquí de forma definitiva, morreu no 1975. Á inauguración desta mostra viñeron netos, quedaron agradecidos.

-Xa hai datas para esta exposición en A Laracha, Arteixo ou A Coruña, a onde tamén irá?

-Estará en Carballo todo xuño, e supoño que logo, xullo e agosto, irá ao resto dos concellos. A Coruña ten a particularidade de que tivo os seus propios trolebuses urbanos, ata o 79. Os últimos, ata o 89, foron os de Pontevedra-Marín, moi famosos por aquel gran xogador de fútbol, Cholo, que era condutor deles.