Criadeiros

Vicente de Lema

CARBALLO MUNICIPIO

21 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimos do deserto individual de cada quen. Desta interioridade forzada pola pandemia. Hai un ano estabamos pechados e saír a rúa era una aventura para a que tiñas que ter xustificación. Había que estar na casa, coma se un asasino andase cun machado na man para cortándolle a cabeza a quen fose sorprendido en calquera espazo público. Deste xeito, cada quen entretíñase como podía. Ao primeiro, á xente entroulle a febre da limpeza. Quen máis e quen menos buscou esas ocupacións que xa tiña esquecidas. Outros déronse á lectura, ao cine, a escoitar música... Cantos concertos houbo dende os balcóns!

Músicos, que estaban sen cobrar, amenizando a anguria da veciñanza neses solpores aburridos nos que moitos combatían o tedio aplaudíndolle aos sanitarios, dos que logo se esqueceron e se te vin xa non me acordo. Alguén escribiu que o tempo nos ensina que a memoria é tan poderosa como esquecemento. Eu non sei que sería de nós sen a lectura ou a música. Sobre todo desta última. Sen esa arte que nos evapora das calamidades diarias e do peso do traballo sobre a nosa mente. Non entanto, cústanos sermos xenerosos cos músicos e terlles a consideración de todo o que fan para nós. Estamos moi afeitos a escoitar e ver tocar tendo un vaso de cervexa, cando menos, na man. En Carballo temos a riqueza de ter un conservatorio no que forman a centos de rapaces no difícil empeño de combinar sete notas para facer voar o sentido. É unha fartura ter a xente como a Juan Otero, Javier Bardanca ou, entre outros moitos, Eduardo Coma. Ou a escola de música de Cee, con Fernando Fraga ao fronte. Son criadeiros de enxeño.