«A praza Xela Arias engrandece o noso Concello»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A escritora das Letras xa ten espazo propio en Carballo, estreado nun acto emotivo e sinxelo, coa presenza do fillo e adornado de caraveis e poemas

16 may 2021 . Actualizado a las 19:58 h.

Xela Arias xa ten praza en Carballo. Xa se sabía dende que o anunciou o Concello e se aprobou no pleno do mes pasado, pero este mediodía quedou oficializado nun acto formal, sinxelo e emotivo, coa presenza do fillo da autora homenaxeada este ano, Darío Gil, e do que foi o seu compañeiro e pai do mozo, Xulio. E tamén de boa parte da corporación, con practicamente todo o grupo de goberno e dous edís do PP, e entre todos eles tamén os dous deputados autonómicos, o nacionalista Daniel Pérez e o popular Rubén Lorenzo.

Todos eles, e algún público por convite (non podía estar aberta a asistencia por motivos de aforo, aínda que foron moitos os que escoitaron de lonxe ou ollaron dende as ventás) asistiron a unha sucesión de palabras ante o mural que debuxou a carballesa Rakele Cavallo, que alumea co retrato e cos versos da escritora unha parede que case sempre estivo destinada aos xogos dos rapaces dos edificios colindantes, seguramente seguirá tendo esa función. Todo o mundo pendente de se chovía ou non (non o fixo), e algo menos do frío (non foi para queixarse). E todos cun caravel no asento (a flor identitaria deste espazo, reflexada nas letras e nos ebuxos du mural de Xela) e un libro pequeno cedido polo Concello cheo de fotos de Xela, feitas por Xulio, e poemas dela.

Maruxa Suárez Cotelo, a concelleira de Normalización, lembrou que é a quinta vez en 58 anos que unha muller recibe o galardón das Letras, habendo como hai tantas que o merecen, e así o reivindicou, igual que a obra de Xela, un símbolo de cultura e igualdade, cuxa presenza honra a Carballo, dixo. O mural, nunha terra de tantos murais xa, tamén vale para sacar a poesía á rúa, e a poesía «é unha arma contra o machismo, o odio, a intolerancia e o xenocidio, como o que se ve en Palestina». Darío Xil tivo moitas palabras de agradecemento polo acto, a praza e o mural, que serven para achegar a moita xente o traballo da súa nai, e poder así afondar na súa obra». Valorou moito que se saque a cultura á rúa, unha filosofía que compartía Xela, especialmente se, coma no caso de Carballo, se compartían letras e pintura. Sinalou que esta homenaxe estaba «ben pensada» e era «fermosa e coherente» coa liña de súa nai, e desexou que por esas beiras do Anllóns haxa moito movemento de aquí en diante. 

Ríos e escritores

Porque, si, o traballo feito e a praza están a moi poucos metros do Anllóns, circunstancia moi aproveitada polo alcalde, Evencio Ferrero, no seu discurso, que empezou cun poema de Pessoa no que fala do gran río que remata en Lisboa. Ese que di que «o Tejo é mais belo que o río que corre pela minha aldeia», en relación a un cauce próximo que dá identidade ao lugar polo que pasa. E xusto ao outro lado está, curiosamente, a rúa Manuel María, poeta que lle regalou O Principiño a Xela, e ela pintou o seu libro Os soños na gaiola. Unha chea de coincidencias que Ferrero destacou, como o feito de ter moi cerca rúas dedicadas a outros escritores, de Bóveda a Carballo Calero, de Rosalía a Vilalta, ou que ese mesmo Anllóns vaia paseniño cara a casa de Pondal. «O rueiro é un claro exemplo de sensibilidade que cada pobo ten», engadiu. O alcalde afirmou, xa para rematar: «A praza de Xela Arias engrandece o nome do noso Concello». Aínda que o remate púxoo Rosalía Fernández Rial cos seus versos e os de Xela, especialmente o dedicado a Man, e a lembranza a unha autora que deu un paso fundamental para que se recoñeza «a voz das mulleres».