«Seredes os novos xenios da literatura galega»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Entregados en Carballo os premios do cuarto certame Contos de Primavera, impulsado por La Voz

16 may 2021 . Actualizado a las 09:49 h.

Nos contos, as palabras casan entre si coa mesma delicadeza coa que Alba Martínez, alumna do Conservatorio de Carballo, asentou onte a banqueta do piano e o seu cabelo antes de interpretar Serenata, de Schubert. Nos contos, as historias son tan redondas como unha mañá falando de mar, chuvia e auga pechada por Purple Rain na voz de Samuel Quiroga, tamén alumno do Conservatorio. Nos contos, soa música como a Mazurca de Baklanova que ofreceu ao violín outra compañeira, Ainoa Martínez. Onte foi día de contos na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, que acolleu a entrega de premios da cuarta edición do certame de primavera convocado por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Grupo Calvo. Na pandemia, escrita e lectura foron refuxio. Este sábado 15 de maio, tamén. Despois dun 2020 de «travesía no deserto», a nova literatura volveu ser punto de encontro, algo que festexou Evencio Ferrero, alcalde.

Samuel Quiroga, Alba Martínez e Ainoa Martínez, alumnos do Conservatorio
Samuel Quiroga, Alba Martínez e Ainoa Martínez, alumnos do Conservatorio BASILIO BELLO

«Hai xente talentosa e con tacto para plasmar en texto ríos, arboredas, mar e cantís. Mentres iso pase, imos estar a salvo da peor das pandemias, a incultura», apuntou Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, onde estuda a gañadora deste ano, Irene Ramón. Asentou Murguía que un pobo que esquece o seu idioma é un pobo morto, «pero calquera que lea hoxe estes dez relatos en La Voz verá que o noso non é un pobo morto, e que a nosa fala tampouco o está», abundou Sánchez. El, como o resto dos presentes, aplaudiu o «mecenado cultural» de La Voz e Calvo e gabou o traballo do alumnado participante, mais tamén o dos docentes, «esa man amiga, do ourive, do mestre».

Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee
Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee BASILIO BELLO

Son esforzos que van unidos, como o van tamén cultura e economía: «Temos que traballar para ser un pobo culto», díxolles aos rapaces Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación. En Gaza, unha adolescente artista como os que onte había na biblioteca ten que suplicar que lle permitan tocar, «que lle deixen vivir». «Somos un país afortunado porque podemos gozar da cultura. Parabéns aos mozos e mozas deste país que escriben en galego e que nos axudan a conservar o noso idioma, a nosa lingua, o patrimonio máis importante que ten Galicia. Seguímolo construíndo todos os días. Temos que facelo as Administracións, pero sobre todo as persoas que o falamos e o escribimos. A palabra é un valor moi importante, crea e destrúe. É a que nos pode salvar de todos os males do mundo. Seguide escribindo, construíndo un futuro de cultura, de paz e de lingua galega», animou onte aos mozos.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación BASILIO BELLO

«A ilusión sódela vós, os máis novos», concordou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, satisfeito de volver á bisbarra na que o galego ten a maior presenza entre os rapaces, «a zona de Galicia na que a nosa lingua ten máis fortaleza»: «A onde vos leve o mundo, estade orgullosos de ser galegos, de ter unha cultura centenaria, unha lingua propia, o monumento cultural máis grande», engadiu. Ao fío do que tivera escrito Xela Arias, manifestou que deixarse vencer esixiría «tratarse» como pobo, «mais non fai falta, porque estamos máis vivos ca nunca, porque aquí a lingua imprégnao todo». «O IGE, mediante a ciencia e os números, o que fai é constatar esta realidade», concluíu o responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística BASILIO BELLO

Xunto con Irene Ramón, autora do texto Martirio, completaron o podio Jesús Manuel Rey, do IES Monte Neme de Carballo; e Noa Lago Ayala, do Manuela Rial de Cee. Recibiron tamén diplomas, do cuarto ao décimo premio, nesta orde, Laura Fernández (centro Xosé Pichel de Coristanco), Sasha Rocha (Manuela Rial), Diego Soto (Manuela Rial, non puido estar presente), Victoria Romar (Manuela Rial), Fiz Vicente (Fonteboa), Iván Lago (Manuela Rial) e Nuria Antelo Facal (Xosé Pichel). Con eles quixeron estar a alcaldesa ceense, Margarita Lamela, e a edila de Educación carballesa, Mar Eirís.

BASILIO BELLO

É tan poderosa a palabra que «a través da literatura e das persoas comprometidas» ata se poden derrubar «estigmas», como valorou o rexedor carballés. Lembrando unha anécdota de seu pai, zamorano, e dos apeadeiros daquela terra en tempos de sega, veu a dicir que «os galegos somos viaxeiros», «cos mesmos dereitos e deberes ca calquera cidadán", «nin cidadáns de segunda nin de terceira». Para a lingua galega desexou «mil primaveras máis», tantas como anos pediu Luciano Calvo para este certame, mostrando a súa ledicia pola participación e polo nivel: «Debemos estar todos contento.s»

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo
Evencio Ferrero, alcalde de Carballo BASILIO BELLO

Luciano Calvo, presidente do Grupo Calvo
Luciano Calvo, presidente do Grupo Calvo BASILIO BELLO

«Hoxe é un día para sentirse orgulloso de ser director dun xornal», finalizou Xosé Luís Vilela, amosando a dobre páxina de La Voz que onte recollía os dez textos máis puntuados: «Emocionáronme moito». Leu el o conto dunha nena de 11 anos publicado un domingo de febreiro do ano 74 neste periódico.

BASILIO BELLO

Non era outra que Xela Arias: «Hoxe publicamos os vosos -díxolles aos rapaces deste certame- e dentro de moitos, moitos anos, volveremos falar deles, porque seredes os novos xenios da literatura galega».