«Seredes os novos xenios da literatura galega»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Entregados en Carballo os premios do cuarto certame Contos de Primavera, impulsado por La Voz

16 may 2021 . Actualizado a las 09:49 h.

Nos contos, as palabras casan entre si coa mesma delicadeza coa que Alba Martínez, alumna do Conservatorio de Carballo, asentou onte a banqueta do piano e o seu cabelo antes de interpretar Serenata, de Schubert. Nos contos, as historias son tan redondas como unha mañá falando de mar, chuvia e auga pechada por Purple Rain na voz de Samuel Quiroga, tamén alumno do Conservatorio. Nos contos, soa música como a Mazurca de Baklanova que ofreceu ao violín outra compañeira, Ainoa Martínez. Onte foi día de contos na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, que acolleu a entrega de premios da cuarta edición do certame de primavera convocado por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Grupo Calvo. Na pandemia, escrita e lectura foron refuxio. Este sábado 15 de maio, tamén. Despois dun 2020 de «travesía no deserto», a nova literatura volveu ser punto de encontro, algo que festexou Evencio Ferrero, alcalde.

Samuel Quiroga, Alba Martínez e Ainoa Martínez, alumnos do Conservatorio
Samuel Quiroga, Alba Martínez e Ainoa Martínez, alumnos do Conservatorio BASILIO BELLO

«Hai xente talentosa e con tacto para plasmar en texto ríos, arboredas, mar e cantís. Mentres iso pase, imos estar a salvo da peor das pandemias, a incultura», apuntou Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, onde estuda a gañadora deste ano, Irene Ramón. Asentou Murguía que un pobo que esquece o seu idioma é un pobo morto, «pero calquera que lea hoxe estes dez relatos en La Voz verá que o noso non é un pobo morto, e que a nosa fala tampouco o está», abundou Sánchez. El, como o resto dos presentes, aplaudiu o «mecenado cultural» de La Voz e Calvo e gabou o traballo do alumnado participante, mais tamén o dos docentes, «esa man amiga, do ourive, do mestre».

Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee
Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee BASILIO BELLO

Son esforzos que van unidos, como o van tamén cultura e economía: «Temos que traballar para ser un pobo culto», díxolles aos rapaces Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación. En Gaza, unha adolescente artista como os que onte había na biblioteca ten que suplicar que lle permitan tocar, «que lle deixen vivir». «Somos un país afortunado porque podemos gozar da cultura. Parabéns aos mozos e mozas deste país que escriben en galego e que nos axudan a conservar o noso idioma, a nosa lingua, o patrimonio máis importante que ten Galicia. Seguímolo construíndo todos os días. Temos que facelo as Administracións, pero sobre todo as persoas que o falamos e o escribimos. A palabra é un valor moi importante, crea e destrúe. É a que nos pode salvar de todos os males do mundo. Seguide escribindo, construíndo un futuro de cultura, de paz e de lingua galega», animou onte aos mozos.