Plumas con mando | Carballo, pioneiro na limitación a 30

Juan Seoane Collazo

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Escribe o concelleiro carballés Juan Seoane | Unha aposta do anterior equipo de goberno que hoxe ninguén cuestiona

22 may 2021 . Actualizado a las 19:05 h.

Comeza o mes de maio coa implantación dos novos límites de velocidade en vías urbanas e travesías aprobado na última modificación do Regulamento Xeral de Circulación, que como principal novidade trae a implantación da limitación a 30 quilómetros por hora. Tras varios anos de anuncios por fin é unha realidade.

En Carballo alegrámonos de que por fin a DXT afronte a necesidade do calmado do tráfico nos ámbitos urbanos, mais é esta unha cuestión que non vai supor cambios importantes para a nosa vila, pois o Concello de Carballo foi pioneiro ó aprobar en febreiro de 2019 a Ordenanza reguladora do tráfico, na que xa establecía no casco urbano o límite xenérico de 30 qm/h. Foi unha decisión valente do anterior equipo de goberno e unha aposta clara da anterior concelleira de Mobilidade, que deu para certo debate no seu momento mais que pasado o tempo creo que ninguén cuestiona.

Cambios importantes

Aspectos como o calmado do tráfico, facer unha vila máis amable para os veciños e veciñas, favorecer a mobilidade sostible e protexer a ciclistas e peóns son parte dos piares da acción de goberno do BNG, polo que continuamos a traballar nesa liña desenvolvendo a estratexia de mellora e xestión do espazo público e a mobilidade, elaborada de xeito coordinado coa Ordenanza de tráfico, estendendo o Carballo 30 a núcleos rurais, mais tamén o Carballo 20 para aquelas zonas que precisan especial protección, como as contornas escolares.

Os críticos coa medida, coma sempre que se fala de límites de velocidade, aludiron no seu momento a un suposto afán recadador. Nada máis lonxe da realidade. O Carballo 30 non supuxo un aumento de denuncias, e se ben os datos neste ano de pandemia non permiten establecer unha comparativa en números absolutos polas restricións da mobilidade provocadas polo covid-19, o certo é que en termos relativos o número de sancións por vehículo controlado co radar non medrou, senón que diminuíu.

No 2018, ano anterior á implantación da actual ordenanza, sancionáronse o 2,2 % dos vehículos controlados; no 2019, un 1,84%; no 2020, o 2%, e no primeiro trimestre do 2021, o 1,99%. Reducir a velocidade máxima na nosa vila non supuxo un incremento de sancións, senón un ascenso na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

A situación sanitaria que estamos a vivir reafírmanos no camiño tomado. Mentres moitas cidades precisaron cortar rúas para ampliar o espazo para a cidadanía nos tempos máis duros do confinamento, en Carballo a xente saíu a camiñar, andar en bicicleta ou en patíns en rúas e prazas que xa estaban preparadas para iso ó contar con beirarrúas amplas, accesibles e co tráfico calmado. Cumpre pois seguir traballando nesa liña para chegar a todas as rúas e lugares do concello.

O Carballo 30 é unha realidade que se normalizou en moi pouco tempo, agora recibe o apoio da Dirección Xeral de Tráfico ó implantarse en todas as cidades, mais xa contaba co apoio da maior parte da veciñanza, que nos reclama maior control nalgunhas zonas, ou pasos de peóns elevados, porque ninguén quere que pola súa rúa se circule a maior velocidade. Esa é a proba máis clara de que aquela decisión, controvertida no seu momento, foi un gran acerto.