Teatro por partida dobre na capital de Bergantiños, Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Maceiras e Naveira, o sábado 1, no Casino de Carballo
Maceiras e Naveira, o sábado 1, no Casino de Carballo BASILIO BELLO

Hoxe poderá verse no Casino a versión audiovisual de Porlier en Pastoriza. No Pazo será tempo de Bernarda

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xabier Maceiras e Fran Naveira teñen esta tarde unha nova cita no Casino de Carballo, por onde xa pasaron o sábado día 1 con Rodríguez, o loro de Picadillo. Unha sesión de teatro (en formato audiovisual) que se replicará hoxe, mais con espectáculo distinto: Porlier en Pastoriza. Trátase dun traballo dramatúrxico e musical baseado no alzamento liberal liderado polo mariscal Porlier contra Fernando VII. Corría o ano 1815. O colectivo Melandrainas, con máis de 70 persoas implicadas para tal fin, levou á escena estes feitos, e ademais no escenario onde comezou o levantamento, Pastoriza. Os interesados han de achegarse ao Casino con tempo, polo protocolo covid: a proxección está prevista para as 19.00 horas.

Non será a única actividade da fin de semana no Casino, en tanto que para mañá ás 12.00 está previsto Orixes do Zapatismo, unha proxección documental con debate, inxerida no programa da comitiva zapatista que partiu días atrás de México e que arribará a Vigo en xuño. Os interesados que non poidan acudir ao seminario teñen á súa disposición o correo casino1889@gmail.com.

Bernarda, no Pazo

Doutro lado, o teatro regresa tamén a Carballo baixo o paraugas do ciclo Cultura con forza. O auditorio do Pazo da Cultura acollerá ás 20.00 horas a función Bernarda, da compañía Malasombra. Unha obra galardoada cun bo número de premios María Casares. Entradas a 4 euros (3, con dereito a bonificación).