«Temos aquí imaxes dunha realidade dura» | Premios do certame Xosé Manuel Eirís 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O Concello de Carballo entregou os premios das dúas últimas edicións do seu concurso fotográfico

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Carballo entregou onte na sala Alberto Gende do Pazo os premios das edicións número 22.ª e 23.ª do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, correspondentes aos anos 2020 (non se puido facer nin acto nin mostra) e 2021. «Temos aquí imaxes desta dura realidade que vivimos dende hai máis dun ano», dixo o edil de Cultura, Marcos Trigo. Miradas persoais, diferentes técnicas, estilos e temas, pero todos eles válidos para captar o que nos rodea.

Acompañando as obras premiadas, exponse no Pazo unha selección de 75 obras destas dúas edicións. Cada anualidade entréganse 3.050 euros en premios, e na historia deste concurso que leva o nome dun animador cultural, músico e afeccionado á fotografía inesquecible, van xa 97 obras premiadas, 1.147 fotógrafos participantes, de Galicia e toda España. Representantes da Fundación Luís Calvo Sanz e de Interfilm, patrocinadores do segundo premio e dos accésits, respectivamente, e da familia Eirís acompañaron onte a entrega.

No 2020, o primeiro premio foi para Antonio Gutiérrez Pereira; o segundo, para Noé Blanco Carracedo, e o Especial Carballo, para Fernando Román. Levaron accésits Xavier Ferrer e Camila Guadalupe Pitrelli. Non todos puideron estar presentes, mais incluso telematicamente gabaron o esforzo cultural do Concello e a aposta pola fotografía, ademais de explicar as súas imaxes. Neste 2021, a obra gañadora é a de José Ignacio Vizoso: Tienda de arte. En segundo lugar, Cándido Díaz (Entroido). O Especial Carballo recaeu en El sueño del pescador, de Ángel Atanasio Rincón, e os accésits, en José Ángel Arias (Atrapada) e Marcos Rodríguez Cotelo (A fiestra dende a que non te vexo).

Felicitou Luciano Calvo pola participación e mostrou o alcalde carballés, Evencio Ferrero, a ledicia «polo rencontro» e pola fotografía que permite derrubar fronteiras e «ver mundo». Foi unha tarde de «familia cultural» que vai a máis.