Volve a Carballo o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Filme The Cave
Filme The Cave

A cuarta edición deste encontro traerá tres ficcións e dous documentais ao Pazo da Cultura: serán cinco venres, dende este mesmo, ás 20.00 horas

27 abr 2021 . Actualizado a las 23:10 h.

Non hai día no que, neste contexto sanitario, non se fale de vacinas. A do covid vai chegando, pouco a pouco, mais existen outras, alomenos simbólicas, porque tamén se detectan outras pandemias, como «a intolerencia ou o extremismo», que «deixan moitas mortes e un futuro terrible para os nosos fillos». Así, fronte a estes males funcionan vacinas como «a cultura». Gratuíta e accesible a todos. Son reflexións que este martes fixo Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director do ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta, que por cuarta edición chegará a Carballo. Non puido ser unha presentación ao uso, presencial, mais abriu apetito sobre as cinco proxeccións que se poderán ver na capital de Bergantiños dende este venres, e que seguirán no mes de maio: «A pandemia puxo de manifesto a fraxilidade da nosa especie. Non podemos afrontar os retos do futuro separados», abundou Martínez.

Por iso importa coñecer as realidades do mundo árabe contadas polos seus protagonistas, a miúdo dirixidas, producidas e interpretadas por mulleres que, pese a esa visión que o occidente ten delas, «apartadas», lideran nese ámbito o cine, a reflexión sobre si mesmas. É un xeito de buscar «o seu sitio no mundo». En Carballo veranse tres ficcións e dous documentais (versión orixinal subtitulada en castelán), un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada en Santiago en outubro. En todo caso, audiovisual prepandémico, pois o covid tamén deixará un impacto forte na creación cinematográfica e iso verase en vindeiras edicións de Amal en Ruta. Haberá nestas pezas humor e, de xeito xeral, denuncia social.

Ghaleb Jaber Martínez
Ghaleb Jaber Martínez SANDRA ALONSO

As proxeccións en Carballo deste ciclo adoitaban ser en xaneiro, pero este ano a situación era delicada e buscouse outro contexto máis axeitado, explicou o edil de Cultura, Marcos Trigo. Maio foi o mes elixido: a diferenza doutras edicións, todas as películas se concentrarán no auditorio do Pazo da Cultura, cun aforo de 70 prazas, respectando as restricións do protocolo anticovid. O acceso será gratuíto, e poden facerse as reservas en culturaentradas@carballo.gal ou ben acudir o propio día, se quedan.

Volven colaborar man a man Fundación Araguaney e Concello de Carballo. Ghaleb Jaber Martínez quixo agradecer a confianza depositada neste ciclo e a aposta pola cultura que se fai dende o municipio bergantiñán («Carballo ten unha identidade cultural moi fotre»), non deixando que a pandemia sexa unha escusa para recortar: «Grazas por ser valentes». «Hai persoas en Carballo que xa ven este ciclo como unha necesidade», respondeu do seu lado Evencio Ferrero, alcalde: «A necesidade de ter a mente aberta a outras realidades que nos están conmovendo e que forman parte do noso espazo vital, aínda que nos parezan lonxanas». O rexedor gabou a sensibilidade do mundo do cine árabe para interpretar aquilo que afecta ao día a día: «Realidades que nos é necesario coñecer». Amal en Ruta propón un achegamento desta sociedade a Galicia, rompendo estereotipos e ampliando a visión que se ten dunha cultura que é heteroxénea. Eses serán os filmes: 

Filme Adam
Filme Adam

«Adam» (Ficción)

Venres 30 de abril • 20.00 horas • Pazo • Mulleres no mundo árabe, historias humanas. Dirixe Maryam Touzani, tamén guionista, actriz, natural de Tánxer. «Unha todotreo do audiovisual», dixo Ghaleb.

Filme Gaza
Filme Gaza

«Gaza» (Documental)

Venres 7 de maio • 20.00 • Pazo • A situación da franxa de Gaza e do pobo palestino baixo o asedio israelí.

Director de The Cave: Feras Fayyad
Director de The Cave: Feras Fayyad

«The cave» (Documental)

Venres 14 de maio • 20.00 • Pazo • Unha peza sobre o traballo de médicas e enfermeiras en Siria que se moven entre dous conflictos: o da guerra e o do machismo.

Filme It must be heaven
Filme It must be heaven

«It must be heaven» (Ficción)

Venres 21 de maio • 20.00 • Pazo • Elia Suleiman, director consagrado, ofrece aquí una mirada única sobre el conflicto palestino. Su sarcasmo y humor entroncan muy bien con la retranca gallega.

Filme Papicha
Filme Papicha

«Papicha» (Ficción)

Venres 28 de maio • 20.00 • Pazo • Soños persoais e profesionais dunha arxelina de 18 anos. Dirixe outra muller, Mounia Meddour.