Plumas con mando | O remanente de tesourería na pandemia

belén lendoiro esmorís

CARBALLO MUNICIPIO

Belén Lendoiro Esmorís
Belén Lendoiro Esmorís Jose Manuel Casal

O seu uso debe servir para apoiar sectores danados e para executar novos proxectos. Escribe Belén Lendoiro Esmorís, concelleira de Facenda en Carballo

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O orzamento anual dos concellos é unha previsión de ingresos e unha planificación de gastos que mostran as liñas políticas do goberno, pero a medida real dos ingresos obtidos e dos gastos realizados ao cabo do exercicio é a liquidación, que, ademais de determinar se houbo superávit ou déficit, proporciona o remanente de tesourería, do que tanto se está a falar nos últimos tempos. O remanente é unha magnitude que reflicte a liquidez a curto prazo que ten acumulada o Concello. É un expoñente claro da saúde financeira da entidade, porque permite coñecer, mellor que calquera outro indicador, a solvencia económica para facer fronte ás débedas cos recursos a curto prazo.

Seguindo as directrices económicas da Unión Europea que limitan ao gasto público, no 2011 modificouse a Constitución e ao ano seguinte desenvolveuse a Lei Orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, que obrigaba ás Administracións ao cumprimento da estabilidade (ter equilibrio ou superávit) e da denominada regra do gasto (o gasto non podía aumentar por riba da taxa de crecemento do PIB), e que ademais limitaba o uso do remanente, priorizando o pago da débeda e permitindo unicamente o uso do superávit, sempre co límite da regra de gasto.

A crise sanitaria

O contexto de crise sanitaria provocada pola pandemia global de covid-19 determinou a suspensión das regras fiscais para os anos 2020 e 2021 e permitiu que os concellos poidan usar non só o superávit, senón tamén o seu remanente para facer fronte a esta situación tan excepcional que estamos a vivir. Isto dá un respiro ás Administracións.

No remanente de tesourería hai, por unha banda, o remanente procedente dos gastos con financiación afectada (subvencións) e, por outra, o que se denomina remanente de tesourería para gastos xerais, que é o que agora se permite utilizar para financiar novos gastos. Mais hai que precisar que temos a obriga de seguir cumprindo co período medio de pago a provedores, o que implica ter tesourería, é dicir, liquidez para afrontar os gastos de funcionamento ordinario do Concello, e esa liquidez procede do remanente de tesourería.

O uso dos remanentes debe servir para apoiar aos sectores económicos danados pola crise e para executar novos proxectos que contribúan á revitalización económica. Pero, ollo, non calquera proxecto, porque unha das condicións é que poidan materializarse no ano. Non é, polo tanto, unha «barra libre», porque a nivel contable a incorporación de remanentes afecta á estabilidade porque non computa como ingreso, pero si como gasto, o que produce déficit. Nestes momentos están suspendidas as regras fiscais e non hai limitacións, pero debemos pensar a máis longo prazo e aínda non sabemos que pasará no 2022.

No seu momento, os concellos pagamos o pato da senda da estabilidade. Dende o ano 2012 demostramos ser cumpridores e, grazas aos remanentes municipais, a Administración do Estado puido salvar a cara diante de Europa. Agora, as Administracións locais debemos contar cos mecanismos legais que nos permitan utilizar os recursos financeiros ao noso alcance para poder afrontar o novo e difícil reto da recuperación dunha economía seriamente danada a consecuencia da pandemia.