Pepe Carballude: «'A vida diaria dos romanos' recorda ás rutinas dos nenos galegos nos anos 60»

CARBALLO MUNICIPIO

O estradense vén de publicar un novo libro
08 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O estradense Pepe Carballude, que foi mestre de latín e director do IES Alfredo Brañas de Carballo durante a década dos 80 ós 90, vén de publicar un novo libro, A vida diaria dos romanos, neste caso, con Edicións Xerais. En realidade, é unha tradución e posta a punto da mesma obra que hai preto de vinte anos escribiu en castelán para SM e que formou parte da colección De par en par, de divulgación científica e con moito éxito, pero que acabou desaparecendo. «Cando visitaba ós colexios era algo que me pedían, e ofrecinllo a Xerais e eles encantados. Inicia a colección Seica e ofrece, a maiores, un capítulo dedicado á conquista de Galicia polos romanos e á romanización», explica o autor.
De rápida lectura e con ilustracións de Jorge Campos que recordan a un cómic, está enfocado, sobre todo, ao alumnado de educación secundaria. Conta como era a vida dun neno na Roma clásica dende que amencía e se erguía ata que, coa posta de sol, se deitaba. A súa alimentación, os divertimentos cos que pasaba o tempo ou o ensino que recibía son só algúns dos aspectos sobre os que versa. Neste sentido, Carballude asegura que as súas rutinas eran moi similares ás dos cativos nas aldeas galegas dos anos 60, cando tiñan moito tempo libre ao non ver aínda a televisión: «Xogábase á pita cega, facíanse trasnadas cos animais, tamén xa practicaban fútbol...». A súa comida forte chegaba ás cinco ou seis da tarde despois de pasar un bo rato nas termas, que era o lugar de encontro de todos eles, conta.

Xa no apartado da historia pura dos romanos vencellada a Galicia, Pepe conta o traballo e tempo que lles custou conquistar o norte peninsular con curiosidades varias. «Tivo que vir Augusto despois de varias incursións de César e cando xa o resto de España estaba conquistada. Por que esa persistencia? Reinaba a idea de que había ouro a esgalla. O que pasa é que tamén existía o mito de que quen cruzaba o río Limia, o Lete, se esquecía totalmente do pasado. E eles eran moi supersticiosos como nós», comeza relatando. «Moitas veces ao chegar, os xenerais non pasaban, ata que un deu o paso e dende o outro lado chamou aos seus soldados polo seu nome, dando a entender que se rompera o maleficio. A conquista do norte tiña os días contados», engade. A isto súmase que os cántabros, os ástur e os galaicos «puxéronllo moi difícil nas súas emboscadas», lembra.
A finalidade última do libro, insiste o investigador, é que «o lector se divirta e que vexa que moitas formas de vivir dos romanos perduran, algunhas modificadas e outras tal cal. O modo de vestir, pensar, falar... O galego é unha lingua evolucionada do latín. Seguimos sendo romanos. Fomos educados por Roma».
«Seguimos sendo romanos»
O autor está contento porque unha obra que ten tantos anos volva e siga gustando. Reflexiona que o pasado é un tema de actualidade e unha boa forma de «coñecer como somos e de onde vimos».
Falando de presente, Pepe ten por diante un 2021 de moitos éxitos. Nos últimos meses publicou dúas obras, agora foi a quenda desta última, e xa augura unha cuarta no verán. «Un ano de pandemia paralizou moitísimo ás editoriais», explica.