Árbores

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

02 abr 2021 . Actualizado a las 11:46 h.

Non é a primeira vez que falo aquí de árbores, e esperemos que tampouco sexa a última. Sempre no momento axeitado, no inicio da primavera. Días atrás, como cada ano, florecían no Rego da Balsa de Carballo 5 cereixos xaponeses que cada vez se ven máis fermosos, porque están máis grandes. Chaman tanto a atención que raro era o día no que non atopaba a alguén sacándolle fotos. A mágoa, pero tamén a maxia, é que esa luz das súas follas só dura uns días. É igual, «o tempo decorre rápido e foxe inapreixable, vaise coma un río e pasan caladas as horas», como escribiu Xosé Rubinos, e todo volverá antes do que cremos. Tamén pensamos que esa avenida que ten ao lado, pola que pasan a diario centos e se cadra algunha vez milleiros de coches, estaría moito máis fermosa chea de, por exemplo, árbores coma eses.

Certo que nas novas rúas de Carballo deuse un salto notable, pasando de cero (cero absoluto, non cero con algo) a moitas nas rúas reformadas. Iso si, de medrar lentamente, non sexa que boten follas axiña e molesten a alguén. Sinto envexa aínda de lugares e vilas ten próximos que están a anos luz nas arboredas. Xa non digo en especies coma esas de arriba: recomendo buscar en Internet os cereixos dunha rúa de Bonn (e outra de Zürich, pero menos) e ver como quedan neste tempo. A vida, a paisaxe, a urbe das cidades que camiñan e queren camiñar é outra con follas así. Sempre o comento, porque o vivín: en Londres a xente protesta cando se talan moito as pólas; aquí, ao revés. Segue habendo o concepto de botar a placa, de agrandar a eira a cemento. Xa hai árbores abondas no monte, non?