Manuel Verdes, profesor: «Este convenio supón un salto moi grande na formación profesional»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL CASAL

As empresas da zona abriron as portas aos alumnos do ciclo de Mecatrónica do IES Neme de Carballo

29 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Neme de Carballo, Sogama e Valtalia asinaban o pasado curso un convenio pioneiro que deu un xiro á actual formación profesional. Manuel Verdes, profesor do centro e dinamizador de formación profesional dual da comarca de Bergantiños, valorou o pasado venres en Ecovoz o bo funcionamento dun programa piloto que transformou o panorama educativo.

-O convenio é moi novidoso por moitas cuestións. Que inclúe e a quen se dirixe?

-Fai un achegamento directo entre empresa e centros educativos. Nun primeiro momento, detéctase unha necesidade na comarca. Neste caso, ben porque as empresas se poñían en contacto co instituto ou ben co propio dinamizador, porque o meu traballo consiste en visitalas. Detectouse esa necesidade de mecánicos industriais, falouse con cada empresa e elas comprometéronse a seleccionar a unha serie de alumnos.

-Con que representación da parte empresarial da comarca contan?

-Hai empresas como Calvo, TMC Cancela, Unemsa e Sogama-Valtalia. Cada unha delas solicitaron unha serie de alumnos e así púidose montar un ciclo formativo cada dous anos. Os rapaces están medio ano no instituto formándose e outro medio ano na empresa para acabar de formarse nas súas maquinas específicas e na forma de traballar que ten cada unha. Hai un segundo ano, que empezaremos o ano que vén, que ten similar estrutura en canto ao reparto. A verdade é que é un proxecto moi novidoso porque, previamente, o profesorado tamén visita as empresas para preguntarlles que necesitan que nós lles ensinemos aquí dentro. Entón facilítannos desde protocolos de máquinas de tratamento preventivo e proxectivo ata a súa forma de traballar. O alumnado asignado a cada empresa xa traballa previamente con ese tipo de protocolos. En definitiva, é un salto moi grande na formación profesional.

-Como foi a selección do alumnado?

-Houbo trinta peticións para dez prazas. Un éxito enorme dentro desta FP Dual. As empresas tiveron que facer a selección e o profesorado recoñeceu que nunca tiveran unha experiencia cun alumnado tan motivado. É outro salto enorme no ensino.

«O currículo da FP Dual é moi completo e iso as empresas sábeno ben»

Verdes insiste en que está «moi contento coa experiencia». Sobre os próximos pasos do programa apunta que «empezouse en setembro e agora, desde o pasado 15 de marzo, iniciaron a fase práctica nas empresas, que vai durar ata o 31 de agosto». O calendario -matiza- «é laboral, non escolar. Teñen xornada completa e cobran unha beca que se tramita a través do Feuga». Así, durante o primeiro semestre, o alumnado «recolle todo o que fai na aula e trasládao a un formato Excel para que nós poidamos analizar todo o que se lles aportou ou as carencia que tivemos. Agora levarán ás empresas a mesma guía par controlar o que se fai alí dentro ou como traballan para enriquecer ao profesorado. Son algo así como os embaixadores do centro. Cando pasen os dous anos, os alumnos terán o título e a empresa a persoal formado ao seu modo de facer e a súa cultura empresarial».

- Ten vocación de continuidade?

-A idea é que si porque a FP Dual ten unha taxa de empregabilidade de máis do 93%, practicamente se queda todo o alumnado. Incluso o ano previo, que foi o do covid -e no que se puxo en funcionamento unha FP Dual de segundo ano- non todos quedaron contratados na mesma empresa, pero si todos están traballando porque o currículo que dá a Dual é moi completo. E iso as compañías sábeno ben.