Ante un tempo difícil, «Cultura con forza» en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Marcos Trigo e Evencio Fererro, este venres
Marcos Trigo e Evencio Fererro, este venres ANA GARCIA

Presentado un amplo ciclo de programación para os vindeiros meses: de marzo a maio

27 feb 2021 . Actualizado a las 00:16 h.

O narrador e contador Cándido Pazó escribiu un día sobre patacas e chourizos «con forza». Unha expresión que, como dixo o alcalde carballés, Evencio Ferrero, podería parecer estendida, mais en realidade é propia de Bergantiños e da Costa da Morte. En Carballo non só hai boa materia prima, senón tamén Cultura con forza. É así, precisamente, como se denomina o ciclo de programación presentado este venres: máis de 25 actividades dende marzo ata maio nun formato novo e «adaptado aos tempos que corren», como apuntou o edil Marcos Trigo en alusión á situación sanitaria. O de «cultura con forza» ten ese significado dual: o de con forza de cantidade e, tamén, o de forza por vizosa.

A novidade deste formato, ademais de polo coidado do protocolo de seguridade, pasa por que aglutina moitos dos ciclos de programación estable que había ata o de agora. Isto é, Cultura con forza é unha especie de agrupador que garda espírito dos Venres Culturais, da Primavera en Danza ou do Ciclo de cine árabe Amal en ruta, que volverá á localidade unha edición máis.

Polo tanto, teatro, narración oral, música, circo, audiovisual... Hai propostas para todos os públicos, para todas as idades. #Culturasegura, como reivindicaron, que volve ao auditorio do Pazo. Este será o espazo no que se concentrarán case a totalidade das citas: cinco espectáculos dramatúrxicos para adultos, cinco para público familiar, catro sesións de danza coas creacións máis actuais, dous documentais galegos, cinco películas, catro exposicións... A aposta polo talento galego está moi presente, e a Rede de Agadic e a Rede Cultural da Deputación colaboran neste extenso programa. «Esperamos que non haxa Cultura con forza no 2022», dixo Trigo, aludindo a este formato excepcional, unha «idea moi afortunada do departamento de Cultura» que xorde para dar resposta a un tempo moi particular. Lanzou, pois, unha mensaxe de apoio ao sector, moi afectado pola pandemia.

«Unha programación que denota a vitalidade, o enxeño e a capacidade creativa do sector cultural. Estamos nun tempo especial que obrigou a replantexar plantexamentos iniciais», abundou Evencio Ferrero, alcalde. Neste ciclo recupéranse, por exemplo, dúas proxeccións previstas para marzo do 2020, cando o impacto do covid-19 obrigou a suspender toda a programación. «A roda da cultura non pode parar nunca. Encantado de que a cultura volva estar presente e volva estar presente con forza. É necesario no noso día a día», incidiu.

Máscara, xel, aforos limitados, protocolo de entrada e de saída... Todo isto ha de seguir estando. Ademais das entradas físicas, continuarase apostando polo formato streaming, de xeito que aqueles que queden sen billetes ou non poidan acudir por outro motivo gocen igualmente dos espectáculos a través da rede social Facebook do Concello, de Cultura e, tamén, do canal de Youtube municipal.

Narración oral / Teatro

  • Aldaolado: «Furia necesaria»

Venres 5 de marzo; 20.00 horas. Lirismo e rebeldía, crítica dende a ironía e a retranca con Lucía Aldao e María Lado. Para adultos. Entradas: 3 / 2 euros (no caso de acceder a bonificación).

  • Avelino González: «Sereas, dragóns e pistas de baile»

12 de marzo, 20.00. Narración oral, teatro, audiovisual e humor: o vello, co novo, para falar de amor. 3 / 2 euros.

  • Inventi Teatro: «A gran viaxe»

14 de marzo, 18.00. Espectáculo de rúa, divertido e visual: a partir dun 600 crése un vehículo espacial. Para público infantil e familiar. Entradas: 3 / 2 euros.

  • «Tres vellas (polo menos)»

18 de marzo, 20.00. Con José L. Gutiérrez, Guti, Celso F. Sanmartín e Quico Cadaval. Cada un destes tres narradores ten un universo propio e un xeitoparticular de contar. Entradas: 4 / 3 euros.

  • «Su.Ma», con Ikigai

21 de marzo, 18.00 horas. Ciclo familiar, espectáculo de danza-circo no mercado municipal. Entrada libre e gratuita ata completar aforo. Xogo e imaxinación, acrobacias, voz... ¡maxia»

  • «O premio»: La Quintana

26 de marzo, 20.00 horas. Montaxe de creación colectiva que aborda temas sociais, sempre interaccionando co público. Entradas: 4 / 3 euros

  • «Maintomano»: Sen medo

28 de marzo, 19.00 horas. Espectáculo circense para público familiar que aborda o medo e a maneira de superalo. O medo como estímulo: 4 / 3 euros.

Primavera enDanza

  • Kirenaia Danza (Galicia)

Venres 9 de abril, 20.00 horas. Kirenia Martínez, creadora e bailarina, acumula máis de 20 anos de experiencia. «Emigrantas», esta proposta, é un proxecto de investigación coreográfica, literaria e audiovisual: ten como partida o fenómeno migratorio. 3 / 2 euros

Santi M. Amil

  • Marta Alonso Tejada (Galicia)

Venres 16 de abril, 20.00 horas. Bailarina e creadora, Marta Alonso presenta en «Bailar agora» a súa propia historia na danza, un tránsito entre esta, o teatro físico ou o circo. Entradas: 4 / 3 euros.

  • Paula Quintas-Traspediante

Domingo 18 de abril, 18.00. Proposta para público familiar: «Nina Ninette». Este é un conto bailado contra os estereotipos de xénero. Entrada: 4 / 3 euros.

  • Matías Daporta (Galicia)

Xoves 22 de abril, 20.00. «Mocap» é unha peza de danza en dúas partes na que se explora a idea da ausencia. Os días previos á representación, a compañía realizará unha residencia artístic. Trátase dunha estrea. Entradas: 3 / 2 euros.

  • Thomas Noone Dance (Cataluña)

Venres 23 de abril, 20.00. «After the party»: ese mundo entristecido que queda logo de rematar as festas, cando baixa a adrenalina. Conversa de Thomas Noone co seu alter ego. Entradas: 3 / 2 euros.

Máis teatro para maio

  • «Bernarda»: Malasombra

Sábado 8 de maio, 20.00 horas. Esta produción teatral obtivo varios premios María Casares no 2020. No 1975, nun pobo galego, Bernarda queda viúva con dúas fillas novas ao cargo. Decreta anos de loito. Entradas: 4 / 3 euros.

  • «Cartoons»: PT Excéntricas

Domingo 9 de maio, 18.00. Sesión de clown para público familiar. Primeiro espectáculo infantil da compañía. Dous náufragos (Josito Porto e Víctor Mosqueira) rodeados de cartóns. 3 / 2 euros.

Marcelino de Santiago (Kukas)

Audiovisual: Dous documentais galegos

  • «Hamada» e «Idénticas». O primeiro, o xoves 4 de marzo, ás 19.30 horas. O segundo, o 11 de marzo, á mesma hora. «Hamada» é o retrato dun grupo de amigos que viven nun campamento de refuxiados do Sáhara. «Idénticas» narra a historia de dúas xemelgas que sofren unha enfermidade ultrarara. Entrada gratuíta, ata completar aforo: reserva en culturaentradas@carballo.gal.

Audiovisual: Amal en Ruta 

  • «Adam»

Venres 30 de abril, 20.00. Ficción. A rutina de Abla e da súa filla vese alterada cando lles peta á porta unha moza embarazada que procura emprego e teito. Acceso gratuíto, ata completar aforo. O sistema para a reserva de entradas comunicarase en próximas datas.

  • «The cave»

Venres 7 de maio, 20.00 horas. Documental. Doutoras que traballan ao límite nun hospital subterráneo en Siria, tendo que enfrontarse ademais ao sexismo. Nomeado ao mellor documental dos Óscar 2019 e aos premios Cine Europeo 2020. Acceso gratuíto, ata completar aforo. O sistema para a reserva de entradas comunicarase en próximas datas.

  • «Gaza»

Venres 14 de maio, 20.00 horas. Documental. Retrato da vida cotiá dos cidadáns de Gaza: o día a día no epicentro dun conflito. Acceso gratuíto, ata completar aforo. O sistema para a reserva de entradas dirase en próximas datas.

Espectadores de Amal en Ruta, o pasado ano
Espectadores de Amal en Ruta, o pasado ano BASILIO BELLO

  • «De repente, o paraíso»

Venres 21 de maio, 20.00 horas. Ficción. Unha viaxe por diferentes cidades na procura de similitudes coa terra natal, Palestina. A procura dun novo comezo devén comedia de erros. Acceso gratuíto, ata completar aforo. O sistema para a reserva dirase en próximas datas.

  • «Papicha»

Venres 28 de maio, 20.00 horas. Ficción. Alxeria, anos 80. Unha moza de 18 anos que comeza na universidade non está disposta a que a situación política e social do seu país corte os seus soños. Acceso gratuíto, ata completar o aforo dispoñible. O sistema para a reserva de entradas comunicarse en próximas datas.

Ademais...

  • Conferencia. Martes 16 de marzo, 19.30. Fala Rosario Sarmiento: «A guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia». Entrada gratuíta ata completar aforo. Reservas: culturaentradas@carballo.gal.

Exposicións

  • Antón Díaz, «Tucho»: Nosa Terra. Do 17 de marzo ao 11 de abril. Mostra de pinturas que, dende a plástica e o visual, narran o conto dende a mirada dun neno.
  • XVI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo. Do 16 de marzo ao 11 de abril. Un ecléctico escaparate das tendencias da arte actual dentro e fóra de Galicia.
  • XXIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Do 28 de abril ao 28 de maio. Exposicións das edicións 22.ª e 23.ª desde certame carballés. Dúas salas para unha maior participación e representación das obras seleccionadas polo xurado.

JOSE MANUEL CASAL

Entradas

  • Venda anticipada. En www.ataquilla.com (entradas con gastos de xestión). Poñeranse á venda a mesma semana de cada función, dadas as limitacións de asistencia aos recintos culturais.
  • Venda directa. O día da función, na billeteira do Pazo, dende 90 minutos antes.