Lucía Díaz Platas: «Cando se inviste en investigación, e non hai límites, entón hai resultados»

GENTES DEL FINIS TERRAE | A carballesa, nova presidenta da Sociedade Española de Radiofarmacia, encara a adaptación desta entidade á nova normalidade 

Lucía Díaz Platas, fotografada en Carballo moito antes de que a pandemia chegase
Lucía Díaz Platas, fotografada en Carballo moito antes de que a pandemia chegase

carballo / la voz

Logo de dous anos como vicepresidenta da Sociedade Española de Radiofarmacia (Serfa), Lucía Díaz Platas (Carballo, 1987) asumiu en decembro a presidencia desta entidade fundada no 1989. «É unha especialidade relativamente nova», conta. A Serfa, explica, é unha sociedade científica que aglutina a máis dun cento de profesionais que traballan na radiofarmacia, xa sexa en laboratorios, hospitais ou industria farmacéutica. Entre os seus cometidos, «promover a nivel estatal xornadas de formación, congresos, asesorar en certas dúbidas aos profesionais...». Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago, Lucía ten feito o FIR (Farmacéutico Interno Residente) e pasou por hospitais de Valencia ou Oviedo, mais dende hai tres anos traballa na Unidade de Radiofármacos PET Galicia, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus). «A terra si que tira», afirma Díaz.

-Como define a radiofarmacia?

-É como a cociña do servizo de medicina nuclear. Nos laboratorios de radiofarmacia preparamos os radiofármacos, que son medicamentos radioactivos que despois empregan os médicos nucleares para diagnóstico ou tratamento de patoloxías: oncoloxía, neuroloxía, cardioloxía...

-Unha das súas ideas é visibilizar a especialidade e, a curto prazo, organizar xornadas virtuais.

-Si, porque a pandemia supuxo un parón. Ata o de agora os congresos eran presenciais, con ceas, actos... Todo isto complicouse, así que nos estamos adaptando, traballando de forma telemática, intentando acreditar as xornadas de forma virtual... Estamos preparando unhas para maio: ían ser en Granada, pero agora serán na Rede, así que desgrazadamente nin visitar a cidade, nin ir de restaurante, nin nada de nada [ri].

-Din que o covid está silenciando moitas cuestións. Afectou a pandemia na radiofarmacia?

-No servizo de medicina nuclear, sobre todo en marzo, si que se cancelaron citas e aumentou a lista de espera, pero sobre todo por pacientes que non eran urxentes, para non expoñelos a ir ao hospital. Cambiaron un pouco as axendas, pero como en todas as especialidades, non só esta.

-Como leva vostede esta situación de peche e restricións?

-Creo que xa estou acostumada. Non sei se isto é bo ou malo, pero é o que toca. E despois de falar con compañeiros de hospital que están en primeira liña de covid, volvo a dicir, é o que toca, non me podo queixar, a verdade.

-Hai moita esperanza posta na vacina, pero vese falta de concienciación persoal.

-Como en todas as patoloxías, e non só no covid, creo que o primeiro que temos que facer é intentar previr, intentar non collelo, non xa só por nós, senón por contaxiar aos demais. A vacina oxalá chegue pronto a todos, pero tampouco vai impedir 100 % que padezas a enfermidade. Non a sufrirás de forma grave, pero si podes padecela e contaxiar, igual. Polo tanto, as medidas: distancia, máscara, hixiene de mans...

-Volve a Carballo a miúdo?

-Sigo empadroada en Carballo. Vou e fun bastante, tamén aló por marzo, porque tiven a meu pai enfermo de covid e había que levarlles o indispensable, non podía saír [o psiquiatra Díaz del Valle foi un dos primeiros carballeses en sufrir a enfermidade].

-Dicía hai cousa de dous anos que había moitas trabas legais en España para a aplicación de radiofármacos. Mellorouse algo?

-Parece que está saíndo algo de lexislación sobre radiofármacos: polo menos, saben que existimos, a nivel España. Non obstante, a investigación en xeral, e xa non só nesta disciplina, é moi lenta. Teño compañeiras que fixeron comigo o doutorado e que se quixeron dedicar á investigación: están en Alemaña, en Estados Unidos... Aquí, coa política de recortes que levamos nos últimos anos... isto é o que hai.

-Ve trazas de cambio?

-Agora co covid, non. Mais o que está claro, e non hai máis que ver o tema das vacinas, é que cando se inviste en ciencia hai resultados. Cando se inviste en investigación, e non hai límites, entón hai resultados. A ver se aprendemos disto.

-Cre que sairemos «mellores»?

-Teño as miñas dúbidas, pero polo menos os que gobernan deberían, teñen unha responsabilidade. Gardo algo de esperanza.

-Ten escrito sobre o seu orgullo de Carballo e de falar galego e castelán. Mencionou o poder «curativo» de falar dúas linguas.

-Dúas, tres ou catro. Hai estudos científicos, no ámbito da neuroloxía, que amosan que en nenos que dende pequenos falan dúas linguas ata se retrasan en catro anos síntomas coma o do alzhéimer, porque estás exercitando o cerebro dunha forma que un falante monolingüe non o fai. Por tanto, claro que ten valor curativo.

-Hospital e xestión comeranlle o día a día. Que foi do piano?

-Agora coas xornadas de maio estou algo a tope, pero como coa pandemia tampouco teño moito ocio... Hai picos de traballo. Cando quero desconectar de verdade, de vez en cando, si toco o piano, pero cada vez teño menos tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Lucía Díaz Platas: «Cando se inviste en investigación, e non hai límites, entón hai resultados»