Unha peza sobre o sector téxtil abre o ciclo Galidoc no Casino de Carballo

Outras tres pezas audiovisuais completarán o ciclo, que polo de agora se mantén pese ás novas restricións


Carballo / La Voz

Sábado 16 • 19.00 horas • Aínda que as restricións para paliar o covid veñen de endurecerse en Carballo, polo momento segue en pé a que será a segunda edición do ciclo de documentais galegos Galidoc, que arrancará este sábado tras sufrir un pequeno retraso nas datas. Haberá catro sesións, que comezarán todas elas cunha pequena presentación e rematarán cun coloquio entre responsables de cada peza audiovisual e o público que poida asistir. Todas elas serán ás sete da tarde, mais as portas abriranse ás seis e media. A entrada, indican dende a directiva do Casino 1889, será por orde de chegada e ata completar o aforo.

Fíos fóra, historias de obreiras entre costuras e patróns, de Illa Bufarda, será o primeiro documental que se proxecte no espazo carballés. Foi encargado á produtora pola asociación Amarante SETEM, que xa anteriormente tratara temas relacionados coa explotación no sector téxtil por parte dos xigantes internacionais, mais nesta ocasión quería poñer o foco nun escenario máis próximo: Inditex e os talleres de costura galegos.

Seis mulleres narran en primeira persoa as súas experiencias nunha peza filmada en galego e subtitulada ao castelán e ao inglés. Outras dúas mulleres, Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, son as creadoras. Dende Amarante tiñan claro que querían que este fose un documental feito e narrado en clave feminina.

No filme, as protagonistas falan con valentía das condicións ás que foron sometidas, mais é curioso, explican dende a asociación promotora da iniciativa, que moitas delas non son aínda conscientes de ter sido sometidas a explotación laboral.

Con moito medo e moitas negativas se topou a produtora á hora de buscar testemuñas para falar no documental; incluído o non de Inditex, a quen se lle ofreceu tomar parte e dar a súa versión da historia.

Todo isto, este sábado no Casino de Carballo.

Outros tres filmes encherán xaneiro de historias

O Galidoc continuará o sábado 23 de xaneiro, tamén ás 19.00 horas, cunha proxección de María Lobo e Roi Guitián. A terceira cita, programada para o sábado 30 de xaneiro, terá como convidada a Sabela Souto; e o ciclo de documentais en galego pecharase o día 6 de febreiro cunha peza creada especialmente para o Galidoc por Sol Mussa e Noa Rodríguez.

En todas elas se seguirá o esquema deste sábado: presentación previa e coloquio posterior a cada proxección, con interacción do público.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha peza sobre o sector téxtil abre o ciclo Galidoc no Casino de Carballo