Olladas do confinamento no calendario carballés do 2021

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O almanaque pode recollerse dende hoxe no Museo de Bergantiños, de balde, ata esgotarse

12 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Outro ano máis, e dende hoxe mesmo, xa está dispoñible o calendario que elabora a Concellería de Normalización Lingüística de Carballo. O covid-19 e o seu impacto están presentes no almanaque, en tanto que está artellado con imaxes e textos enviados por veciños e veciñas durante o confinamento para a iniciativa Carballo dende a túa ventá. A proposta impulsada naquel entón tiña como fin o de animar aos residentes no municipio a facer algo construtivo, como fotografar o que vían dende a súa fiestra, coñecer mellor o concello, descubrir novas paisaxes ou novos xeitos de ollalas e, tamén, levar mellor o tempo en días de encerro. «Unidade, forza, paz, morriña, arte... postas de sol, Razo, Baldaio, paisaxes urbanas... son só algúns dos e das protagonistas deste calendario», pode lerse na web de Turismo.

A publicación ten formato de sobremesa e inclúe, para cada mes, fotografías enviadas por Sandra Veiga Messmer, María José Lista Puga, Mario Ferreiro Negreira, Mar Longueira, Eva Lista Andrade, Bárbara Vilariño, Raquel Rey, Lidia Esmorís, Paula Sóñora González, Alicia María Vilas, María Costa Pereira, Noelia Rodríguez, mais dende o Concello agradecen asemade a todos aqueles que compartiron as súas imaxes nas redes sociais, ofrecendo un anaco daquela vida «cotiá» de abril e maio. Foron case un cento as fotografías achegadas.

Para recollelo

Os principais teléfonos de interese, números de seguridade, asistencia ou transporte integran tamén o calendario, que pode recollerse de xeito gratuíto no Museo de Bergantiños: de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30; sábados e domingos de feira, de 11.00 a 14.00. ¡Ata esgotarse!