Os premiados no certame de microrrelatos carballés xa recibiron os seus agasallos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CONCELLO DE CARBALLO

O carballés Pablo Carballo levou o favor do público, mentres que a ordense Sara del Río gañou o galardón do xurado

07 ene 2021 . Actualizado a las 22:38 h.

A Concellaría de Normalización Lingüística de Carballo convocou, aproveitando as festas, a primeira edición do concurso Microrrelatos de Nadal 2020, que se celebrou a través de Instagram. Os participantes tiñan que publicar un relato relacionado coas festividades, de 77 palabras como máximo, e etiquetando a conta do Concello de Carballo.

A publicación con máis «gústame» sería a premiada co galardón do público, mentres que un xurado se encargaría de outorgar outro premio.

Ás 12 da noite do día 3 de xaneiro, tal como figuraba nas bases, fíxose o reconto e a proposta con maior respaldo dos internautas foi a do carballés Pablo Carballo Pacoret. Pola súa banda, a ordense Sara del Río Seoane fíxose co favor do xurado profesional.

A concelleira Maruxa Suárez e a escritora e docente Rosalía Fernández entregaron esta semana a Pablo e Sara as gratificacións como gañadores desta primeira edición do certame. Levaron un roscón de Reis e tamén dous vales de 30 euros: un para gastar nas librarías carballesas e outro para consumir na hostalaría local.

Nostalxia e leccións de vida protagonizaron os dous microrrelatos vencedores. O de Pablo Carballo incorporou alusións á súa vila natal, a unha atípica nevarada e á situación sanitaria que estamos a vivir. A ordense Sara del Río, pola súa banda, sacou do caixón dos recordos unha veliña que fixo coas súas mans «na unitaria de Lesta» e acendeuna no derradeiro día do ano, tras gardala por máis de 20 anos.