Escribe Miguel Anxo Fernán Vello: Vivir en Carballo

miguel anxo fernán vello

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

"A experiencia de residir aquí, en toda a súa dimensión, acaba sendo unha regalía"

29 nov 2020 . Actualizado a las 22:13 h.

Cando un bo amigo meu se interesou pola miña nova residencia vital -xa a cidade da Coruña camiño de ser un amábel recordo-, botei man dun sintagma que se estableceu de inmediato na raíz expresiva do meu presente: sentín a “chamada pondaliana”, dixen, non sen certa lucidez de ánimo e certa exultación no mesmo instante. E despois lembrei que Eduardo Pondal, o gran creador do universo poético bergantiñán, viviu en Carballo entre os anos 1888 e 1892, un lustro carballés que lle permitiu ao poeta descubrir a paisaxe iluminada e a natureza vibrante das terras e do mar do Carballo de finais do século XIX. Precisamente, o autor de Queixumes dos Pinos refírese nun dos seus poemas, con cita nominal, a Baldaio (lugar para vivir) e tamén nomea noutra composición poética «os altos pinos de Bértoa», que aínda hoxe eu teño visto ben rumorosos e verdecentes cos meus ollos.

Pondal, seguramente, quixo ver dende a altura as terras de Carballo todo á redonda e non resulta difícil imaxinar o noso bardo subindo o monte da Peniqueira ou o Monte Alto, aínda que coñecía ben os montes de Lendo, de Oza ou o mesmo Monte Neme, cando este último aínda conservaba a súa aura circular e telúrica unida a un «crómlech» (a Eira das Meigas) do que nos dera noticia Manuel Murguía e que foi destruído no seu lugar pola avareza mineira e a neglixencia política.

O certo é que para min, xa carballés residente, as paisaxes carballesas e bergantiñás tamén actuaron como un medio suxestivo e en boa maneira sedutor. A paisaxe nas terras de Carballo é -ademais dunha forma de «arqueoloxía» que nos transmite a historia das relacións entre o humano e o ambiental- un ser cultural en si mesmo. Ollada dende o ceo, a bandeira da terra carballesa está cruzada, de leste a oeste, polo azul arterial do río Anllóns, que percorre o gran arco bergantiñán presidindo a vasta chaira que morrerá no mar, antes dos primeiros cantís que van de Malpica a Fisterra. Don Ramón Otero Pedrayo, referíndose ao Anllóns, falou dun «ritmo» que «vai sacando de puntos a escultura dun val», e velaí a emoción da paisaxe en estado puro, a mesma convulsión do espírito que nos produce o areal carballés de Baldaio unido á praia esplendente de Razo, toda unha composición natural (mar, luz, terra e ar) que abre cara o Atlántico máis de seis quilómetros de brancura.

Por todo isto, sumado ao verde interior do rural carballés, tan diverso e rico na súa historia humanizada, no vizoso dos seus agros, nos campos abertos ao sol, nas distintas freguesías e casais, a experiencia de vivir en Carballo, en toda a súa dimensión, acaba sendo unha regalía. E un pode descubrir na capital de Bergantiños o antigo recendo termal, con proxección inicial en fábrica romana, que deu pé ao núcleo nacente do que hoxe é a cidade carballesa. Unha cidade nova e con raíces -como o carballo que lle dá nome-, un concello que é forza motriz no plano económico e social da comarca de Bergantiños e aínda, en aspectos concretos, da provincia coruñesa.

Vivir en Carballo, como decidiu no seu día este cronista, é saber que o pan pode ter un dos mellores sabores do mundo, e recoñecer, como alimentos obrigados, os extraordinarios produtos do agro -a pataca entre o máis alto- que se ofrecen en mercados, feiras e no comercio local, facendo da gran vila coruñesa un foro de calidade, e de saúde, no que atinxe á manutención para o mellor vivir.

Sinais de saudade

Mais Carballo, paseando as súas rúas e entrando nas súas prazas, tamén é un encontro cos sinais da saudade.

A pesar da desfeita urbanística dos anos 60 e 70 do século XX, a cidade do Anllóns aínda conserva algunhas formas felices da arquitectura de Eduardo Rodríguez Losada, e grazas ao excelente historiador carballés Xan Fraga, cronista máximo da vila, podemos trasladar ao noso tempo a opinión que tiña sobre Carballo o escritor, editor e libreiro coruñés e galeguista Uxío Carré Aldao, quen no ano 1928 daba conta dun Carballo onde «o casarío é moderno e de boa aparencia e gusto, rúas trazadas a cordel e poboación que presenta un aspecto alegre e pulcro». Benditas palabras.

Vivir hoxe en Carballo convida a manter viva a memoria -sempre aí Alfredo Brañas, por exemplo-, mais tamén a desfrutar da hora presente entendida como unha work in progress. A cidade, está ben á vista, progresa. Hai un novo urbanismo en marcha, pulcro e cívico. O crecente pulso cultural é unha realidade innegábel. E o imán carballés atrae e polariza vontades e vivires.

Este que aquí escribe, que no seu día tivo a honra de ser pregoeiro das festas carballesas, albisca, superada a pandemia que hoxe nos asola, un Carballo futuro próspero e venturoso. Tal vez o Carballo que soñou un día o empresario Luís Calvo Sanz, mais tamén o Carballo do músico Xosé Manuel Eirís e do pintor e gravador Manuel Facal, a cidade certa dos irmáns Fraga, do libreiro Ramón Tasende e dos escritores Xurxo Borrazás e Rosalía Fernández Rial. Nese Carballo estamos e estaremos.