Unha letrada carballesa clama pola igualdade de xénero man a man coa cantante Rozalén e a súa «Puerta violeta»

CARBALLO MUNICIPIO

BERTO FOTOGRAFIA

Forma parte dun portal xurídico a nivel estatal e contactou coa artista para participar nun vídeo reivindicativo con motivo do 25N

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que nacida en Coristanco, a avogada Jessica Lavandeira, de 37 anos, vive e exerce en Carballo. Forma parte de Iuris Fácil, un portal xurídico que agrupa a profesionais de todo o país e que estes días está de actualidade por unha colaboración máis que singular con motivo da conmemoración do 25N.

Iuris Fácil, como explica Jessica Lavandeira, é unha plataforma moi concienciada co movemento feminista. Ante a chegada dunha fecha tan destacada elaboraron un vídeo no que participaron unha trintena de letrados de todo o país con diferentes frases reivindicativas. «Cando pensamos na música para acompañar eses textos inmediatamente se nos veu á cabeza La puerta violeta, de Rozalén, así que decidimos escribirlle para que participase. Mandámoslle unha mensaxe con ilusión, pero non esperabamos que nos contestase porque seguro que lle falarán miles de persoas ao día. Non obstante, prestouse moi amablemente a participar. Explicámoslle moi ben o que iamos dicir nós e cal era a súa parte e, ao final, a súa presenza axudou a divulgar moito máis a mensaxe», narra a coristanquesa afincada en Carballo.

«Queremos que as vítimas saiban que poden contar con nós», di Jessica

Ademais de para concienciar, aproveitando a difusión que ten este portal xurídico, os letrados querían transmitir unha mensaxe con este vídeo: «Que as vítimas saiban que poden contar con nós. Os letrados somos unha peza máis e é tremendamente satisfactorio poder axudar a unha muller que está nunha situación destas características», asevera Jessica. Xunto a ela, varios profesionais de Galicia participan nesta iniciativa. Non en van, a principal promotora é unha avogada natural de Negreira.