A Gala do Libro Galego concedeu un dos seus Premios Honoríficos a Ramón Tasende

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O libreiro Moncho Tasende
O libreiro Moncho Tasende Ana Garcia

O veterano libreiro carballés, natural de Val do Dubra, foi recoñecido polo seu traballo a prol da lectura e do libro en galego

23 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A quinta edición da Gala do Libro Galego, a deste 2020, tivo que ser formato dixital, a causa da pandemia, mais aínda que fose así chegaron cálidos á Costa da Morte os recoñecementos entregados. Premiáronse quince obras publicadas no 2019, así como tres traxectorias, e concedéronse ademais tres galardóns honoríficos. Un deles, o Premio Honorífico á Libraría, foi parar a Carballo, á Brañas Verdes.

Así, a Federación de Librarías de Galicia destacou a Ramón Tasende Pombo, Moncho de Brañas, como moitos o coñecen, «pola súa traxectoria dende 1981, rexentando a libraría, primeiro Brañas, e tempo despois Brañas Verdes». Aínda que xa carballés, naceu en Val do Dubra e del dixeron: «Libreiro vocacional que traballa polo sector, vinculado un tempo á propia directiva da FLG, presente en numerosas feiras do libro durante varios anos, así como levando o libro e a lectura a outros eventos como feiras de artesanía (....). Apoiando ao sector cultural tamén desde outras vertentes, como é o caso do cinema, ou do teatro. Con presenza dende hai anos en medios de comunicación dende onde fomenta a lectura e o libro galego».

Ben de primeira necesidade

O mestre contador Quico Cadaval foi o encargado de conducir estes premios, moi marcados polo covid-19: a situación sanitaria levou a que a gala, emitida este pasado sábado, tivese que ser virtual, con vídeos pregravados das persoas e entidades galardoadas. Organiza este encontro a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, coa colaboración do Centro Español de Derechos Reprográficos, Xunta de Galicia, Concello de Santiago e Deputación da Coruña. No seu discurso oficial, en nome das tres entidades promotoras, Xosé Ballesteros, presidente da AGE, destacou a potencia creativa do libro galego e demandou das Administracións o seu recoñecemento como ben de primeira necesidade.